A movida nocturna melidense sóbese ás TIC

luns, 17 de outubro do 2011 Marcus Fernández

Os responsables de distintos locais nocturnos adheríronse ao proxecto de Intermax Technology

A pasada fin de semana o proxecto Movida 2.0 deu os seus primeiros pasos, dando a coñecer ao público un novo servizo que pretende contribuír á dinamización da noite melidense, xa que a Discoteca Palladium e varios pubs da vila do Cerne de Galicia comezaron a emisión a través de streaming da música que pode escoitarse nos seus locais, o que facilita que o público poida saber o que están a pinchar dende a comodidade do seu fogar ou incluso dende o seu teléfono móbil (as retransmisións puideron recibirse perfectamente tanto en terminais con iOS coma con Android).
Este novo proxecto é unha iniciativa de Intermax Technology, compañía que dende Melide ofrece comunicacións sen fíos para boa parte da xeografía galega e que mesmo está a preparar a súa expansión internacional, que contou coa colaboración da Concellaría de Turismo local, que veu con interese esta innovación que pode contribuír a que as noites dos sábados na vila teñan un factor diferencial co resto de zonas de marcha populares no interior de Galicia.
O pasado sábado puido escoitarse a través da Internet a música que soaba na Discoteca Palladium e no pub Q+? (que máis) a través dos seus respectivos enderezos no servizo web de radio en directo Listen2MyRadio. Nas vindeiras semanas iranse incorporando outros locais melidenses a este innovador proxecto.

As retransmisións por streaming puideron seguirse incluso dende o móbil

PUBLICIDADE