A metade dos españois fan entre unha e catro chamadas diarias co móbil

xoves, 26 de xuño do 2008 Raquel Noya

Segundo un estudo que vén de publicar a Fundación BBVA sobre o emprego de Internet e outras tecnoloxías en España, máis do 80 por cento dos españois ten (polo menos) un teléfono móbil e, de todos eles, máis da metade (o 53,6 por cento) úsano para facer entre unha e catro chamadas diarias. Isto quere dicir que, poñéndonos no caso máis extremo (os que realizan catro chamadas á xornada), moitos usuarios de telefonía móbil chegan a facer unha media de 120 conexión telefónicas ao mes, as cales, baixo un punto de vista obxectivo, non se terían feito se tiveran que desprazarse a unha cabina telefónica ou teléfono público como había que facer algúns anos atrás. Significa isto que os españois xa non poden, a día de hoxe, prescindir do teléfono móbil para desenvolverse no seu día a día?.
A resposta fica no ar, mais tamén cómpre dicir (para xuntar toda a información e formarnos unha idea o máis axeitada posible sobre o uso -e abuso- da telefonía móbil na actualidade) que o mesmo estudo revela que “o 20% dos usuarios realizan entre 5 e 10 chamadas ao día”; unha cifra un tanto máis esperanzadora para as operadoras e un pouco máis preocupante para os nosos petos.
O estudo foi realizado a partires de 6.013 enquisas a maiores de 14 anos, constatando un elevado nivel de penetración do teléfono móbil sobre todo no grupo de poboación de entre 26 a 35 anos de idade, dos cales, o 97 por cento teñen un terminal que xeralmente usan, entre outras cousas, para consultar SMS (93 por cento), xogar (78 por cento), facer fotografías dixitais (64 por cento), usar o Bluetooth (49 por cento) e acceder a Internet (45 por cento).
Tan só o 17 por cento dos españois consultados declararon non ter teléfono móbil e expuxeron como motivo principal a percepción da falta de utilidade (nin tanto nin tan pouco), as razóns económicas e a falta de coñecementos para usalo.

PUBLICIDADE