A marcha galega dos parados xa ten páxina web

xoves, 23 de xuño do 2011 Fernando Sarasketa

De estarmos pensando en participar na marcha galega polo emprego cuxo remate está previsto para o 3 de xullo en Compostela, cómpre informar que xa está en marcha unha páxina web para informarnos polo miúdo de todo o que nela se vai esixir, a quen vai dirixida a mobilización e que novidades e informacións hai que ter en conta sobre a convocatoria nos días previos á dita marcha. A web, que vén da man da CIG (do mesmo xeito cá propia manifestación), vén completiña de recursos. Inclúe portada, novas, un apartado para opinión, documentación, vídeos e xanelas directas ás redes sociais.
Cómpre lembrar que a marcha ten como obxectivo reivindicar máis e mellores medidas para reducir o número de parados na nosa terra, que segundo se conta na páxina chegan xa aos 250.000, problema que afecta sobre todo á mocidade. A marcha, que remata o día 3 de xullo en Compostela, ás 12 horas, consiste nunha mobilización a pé polo país, nun principio nas cidades e coa data de inicio prevista para o 29 de xuño.

PUBLICIDADE