A galega Krasis, premiada polo seu traballo tecnolóxico a prol das persoas con dificultades de audición

venres, 10 de decembro do 2010 Fernando Sarasketa

A empresa galega Krasis, da que temos falado nesta web para dar conta das súas achegas formativas e tecnolóxicas sobre promoción activa en liña (márketing dixital), vén de recibir dentro da nosa terra un importante recoñecemento ao seu labor de innovación. Máis polo miúdo, o recoñecemento diríxese a salientar unha iniciativa ben concreta, o proxecto TACOMA (Transcripción Automátiva e Corrección on-line de Material Audiovisual), alicerce dunha ferramenta para permitir a creación de contidos para persoas con diversidades funcionais ligadas á audición. Segundo informa o centro Gradiant na súa web (colaborador deste desenvolvemento), TACOMA mereceu o pasado mes de novembro o premio ao mellor proxecto presentado no congreso Fala 2010.
O obxectivo de Krasis con esta plataforma é achegar novas posibilidades de comunicación e non deixar a ninguén fóra das vantaxes da Sociedade da Información, e menos aínda ás persoas con diversidade funcional. De feito, a ferramenta en cuestión iría destinada a subtitular os contidos multimedia de xeito automático, baseándose en tecnoloxías de recoñecemento da fala. Mediante o seu emprego, melloraríase a calidade dos textos xerados, amais da súa accesibilidade e rapidez. Esta iniciativa, engade Gradiant, incluiría o acceso de balde aos contidos xerados, coa finalidade de dar corpo a unha comunidade en liña de internautas intersados en obras subtituladas, contribuíndose a través desta achega colectiva á mellora do propio produto. O proxecto está liderado pola empresa Krasis e conta coa colaboración da Universidade de Vigo e de Gradiant.

PUBLICIDADE