A galega Ideaspropias lanza unha aplicación para iOS

mércores, 15 de decembro do 2010 Raquel Noya

Ideaspropias Editorial, entidade galega especializada na formación multisoporte que pon os seus máximos esforzos na achega de innovación para, segundo din, “adiantarse ás esixencias do mercado”, vén de lanzar unha aplicación para iPhone e iPod Touch- que lle permite aos seus usuarios estar á orde do día en todo o relativo á lectura e non quedar obsoletos conforme pasan os meses e as TIC modernizan o sector.
A ferramenta é moi doada de empregar e baséase nunha navegación intuitiva que permite descargar o catálogo da editorial totalmente de balde dende a categoría Libros da App Store.
A aplicación, que se pode descargar en español dende hai uns días, permite acceder a toda a información sobre os libros, e-books e solucións de formación e-learning de Ideaspropias Editorial.
Con esta ferramenta virtual, as persoas usuarias poderán coñecer a través de cadanseus dispositivos electrónicos as novidades editoriais que hai dispoñibles na tenda en liña, e adiantarse aos futuros lanzamentos da editorial antes de que cheguen aos catálogos impresos. O desenvolvemento desta ferramenta enmárcase na estratexia de innovación de Ideaspropias Editorial e supón un paso adiante na inclusión do sector na sociedade da información.

PUBLICIDADE