A galega Ideaspropias celebra o Día do Libro sorteando un lector de e-books e achegando envíos de balde

luns, 22 de abril do 2013 Fernando Sarasketa

O selo galego Ideaspropias Editorial, moi vencellado á publicación de diversas obras que nos tocan de preto en Código Cero (como por exemplo os seus manuais sobre Windows ou Word, ou a posta en marcha de ferramentas de aprendizaxe en liña), súmase ás celebracións do Día Internacional do Libro e dos Dereitos de Autor (23 de abril) con dúas accións de promoción da lectura: sorteando un lector de libros electrónicos e ofrecendo gastos de envío gratuítos a todos os clientes que realicen unha compra a través do seu servizo de comercio electrónico.
O sorteo, informa a empresa con sede en Vigo, realízase a través do blog corporativo de Ideaspropias Editorial. Tódolos internautas que desexen participar deben deixar un comentario relativo ao título do catálogo que lles parece o máis axeitado para a súa profesión, compartir a entrada no perfil da editorial en Facebook ou Twitter e facerse seareiro de Ideaspropias nunha destas redes sociais. Esta iniciativa inscríbese na firme aposta polos contidos dixitais que está a realizar a editorial, unha estratexia que, segundo informa, tamén deu como resultado que a totalidade das novidades de Ideaspropias Editorial (así como un 25 por cento do catálogo 2013) estea dispoñíbel xa en formato e-book. Segundo engade o selo vigués, a propia empresa asumirá o custo dos gastos de envío de tódolos pedidos nacionais que se fagan entre o 15 e o 30 de abril.
Como lembraremos, Ideaspropias é unha editorial especializada en formación multisoporte, “cunha visión moderna e innovadora”, en palabras do propio selo, “que evoluciona de continuo para adiantarse ás esixencias do mercado.” A súa filosofía está orientada á calidade nos seus procesos de traballo, contidos e formatos, un principio que se materializou na obtención da certificación ISO 9001.

PUBLICIDADE