A galega Ideaspropias edita un manual de Microsoft Word 2007

luns, 23 de maio do 2011 Raquel Noya

A editorial galega Ideaspropias, especializada no desenvolvemento de contidos didácticos multisoporte e centrada na publicación de solucións integrais a centros e departamentos de formación, vén de lanzar a súa última cabeceira, un manual de Microsoft Word 2007 que forma ao lector no dominio deste procesador de textos.
A súa autora, Ana María Villar Varela, é técnica superior en Desenvolvemento de Aplicacións Informáticas, e conta cunha dilatada experiencia docente en cursos de ofimática, deseño e programación web, alfabetización informática e xestión empresarial.
O manual, de 17 x 24 centímetros, ten 264 páxinas a toda cor, nas que, entre outras cousas, o lector pode atopar útiles consellos para traballar con este software de tratamento de datos textuais e aprender a inserir imaxes, gráficos, táboas ou formas nos seus documentos de texto.
O libro, que ten un prezo de 24,95 €, tamén serve como reforzo educativo, grazas á inclusión de numerosos recursos visuais e actividades de apoio.
A formación e experiencia profesional da autora permitiu que Ideaspropias Editorial publicara outras cabeceiras súas, tales como: Informática aplicada á xestión inicial; Base de datos Access; Folla de cálculo: Excel; Microsoft Word 2003; ou Microsoft PowerPoint 2007, entre outros.

PUBLICIDADE