A galega Biovía convoca un innovador concurso para denunciar a calidade do ar

martes, 22 de xullo do 2014 Fernando Sarasketa

Ensaios levados a cabo en Santiago con tecnoloxías de Biovía

Non o vemos, non o sentimos, pero en moitas ocasións o ar que respiramos (sobre todo nas cidades e dentro delas nos espazos de maior fluxo de tráfico) non cumpre, por así dicilo, coa calidade mínima esixíbel. Biovía Consultora Ambiental é unha empresa galega, xurdida ao abeiro da Universidade de Santiago, que entre outras cousas dedica os seus esforzos a pór de relevo o devandito problema e a achegar tecnoloxías para amosalo e pórlle freo. Non falamos dun problema calquera, opinan os responsábeis da empresa, “xa que segundo a Organización Mundial da Saúde a contaminación do ar provoca cada ano sete millóns de mortes prematuras”. Ante unha circunstancia que se espalla e ramifica, Biovía convocou na Rede a primeira edición do Concurso Vixía o teu Aire.
A firma ofrece ao gañador do certame as tecnoloxías precisas para a realización dun estudo de control e seguimento dos niveis de metais pesados atmosféricos nunha contorna industrial ou urbana, que permitirá identificar os elementos nocivos presentes no ar e caracterizar a súa distribución. O prazo para presentarmos ideas e propostas vai do 22 de xullo ao 30 de setembro.
O concurso está dirixido a asociacións ecoloxistas, plataformas ambientais, asociacións sen arela de lucro, organizacións non gobernamentais e fundacións ambientais. Para participaren deberán descargar da web da empresa, www.biovia.es, as bases reguladoras e o formulario de inscrición que será enviado por correo electrónico a vigilatuaire@biovia.es. Co fin de contribuír á protección do medio, a presentación de solicitudes realizarase exclusivamente en formato dixital vía correo electrónico.
Como lembraremos, Biovía é unha empresa biotecnolóxica dedicada ao deseño e comercialización de ferramentas innovadoras para o seguimento da contaminación atmosférica, fluvial e mariña. Para a identificación da presenza de metais pesados no ar, Biovía comercializa un dispositivo baseado no emprego de material biolóxico como captador destes contaminantes. “Este material”, informan os responsábeis da empresa galega, “desenvolveuse empregando tecnoloxías eco-miméticas que aproveitan as características físico-químicas e morfolóxicas dos musgos terrestres”. Sinalar que Biovía foi unha das iniciativas gañadoras na décima convocatoria do Concurso de Proxectos Empresariais Innovadores da Universidade de Santiago, onde obtivo o primeiro premio e onde o xurado salientou o seu potencial na achega de novas ferramentas de biomonitorización para o control dos medios atmosférico, mariño e fluvial.

PUBLICIDADE