A galega Barrán organiza un curso sobre Drupal en Madrid

martes, 25 de febreiro do 2014 Redacción

O Grupo Barrán, empresa galega centrada en servizos tecnolóxicos e recursos formativos vencellados ao software libre, ten entre mans unha nova actividade formativa que sumar ás súas achegas recentes de divulgación sobre desenvolvemento de xogos para Android e Firefox OS ou sobre metodoloxías de estratexias de hacking ético. Pois ben, a empresa de Santiago preséntanos agora un curso sobre Drupal de 20 horas de duración e amosando a peculiaridade, con respecto aos devanditos, de que o lugar elixido para o desenvolvemento do curso é Madrid, coincidindo ademais coa publicación de Linux Espín, o sistema operativo libre que prepara a empresa galega (con versión na nosa lingua).
De feito, informa o Grupo, a idea é aproveitar a estadía en Madrid, con motivo de impartir o dito curso, “para promover a nosa distribución libre”. A actividade formativa desenvolverase entre o 21 e o 25 de abril, e responde a unha estratexia da empresa compostelá por estender ao máximo o seu radio de alcance. De feito, a idea é levar a cabo actividades e fornecer servizos ao longo e ancho de todo o territorio estatal.
Polo que respecta ao curso de Drupal a desenvolver en Madrid (no número 31 da rúa Luchana), dicir que incluirá unha introdución a este programa libre (dirixido principalmente a facilitar a publicación de artigos, imaxes, arquivos e servizos engadidos como foros, enquisas, votacións, blogs e administración de usuarios e permisos), un achegamento aos procedementos para instalalo e tirarlle partido e diferentes análises exhaustivas sobre as súas áreas de administración, de xestión de contidos, de xestión de menús ou de xestión de bloques. Tamén se tratarán en detalle eidos como a taxonomía de Drupal, os formatos de texto, a xestión de usuarios ou ampliación de funcionalidades con módulos.
Xa é posible realizar a inscrición en liña a este curso.

PUBLICIDADE