A galega Astrágalo aposta por un turismo para tódolos públicos na aplicación móbil sobre a Ribeira Sacra

mércores, 17 de xullo do 2013 Fernando Sarasketa

Existen diferentes tipos de turismo, e cara o que non ten nada que ver con ficar todo o día nunha terraza ao pé dunha impoñente fileira de apartamentos en Levante é cara a onde se dirixe o proxecto no que está mergullado o estudio galego Astrágalo, con cuxos membros tivemos ocasión de falar trala celebración das xornadas sobre Territorios Creativos (proxecto europeo Imagina Atlántica) desenvolvidas hai uns días en Ourense. Trátase, máis polo miúdo, dun proxecto para dar forma a unha aplicación móbil sobre a Ribeira Sacra e Guimarães no que están a participar equipas de diferentes países da beira atlántica: por unha banda a francesa Monument Tracker dirixindo a proposta e, pola outra, Ideias & Conteúdos e Astrágalo, dende a banda galego-portuguesa e achegando en parte o miolo do produto. A base de todo isto foi a busca de ideas innovadoras que, apoiadas en tecnoloxías de vangarda, desen forma a un turismo integrador, didáctico e apto para tódolos públicos. En palabras de Jose Velo, director creativo de Astrágalo, estamos a falar dunha proposta de turismo branco, froito dun traballo de campo moi exhaustivo e dirixida a acadar a máxima veracidade sobre todo aquilo do que se informa. En definitiva, a Ribeira Sacra semella ir acadando o lugar que lle corresponde nas novas tecnoloxías, que practicamente o mesmo que dicir “o día de mañá”.
-Os días pasados falamos en Código Cero do proxecto encargado á empresa francesa Monument Tracker -ao abeiro do proxecto Imagina Atlántica (Territorios Creativos)- para o desenvolvemento dunha aplicación móbil co fin de impulsar o turismo e o patrimonio da Ribeira Sacra e Guimarães. O que non imaxinabamos é que houbese máis mans implicadas neste desenvolvemento, mans como as da empresa portuguesa Ideias & Conteúdos ou as vosas, as do equipo de Astrágalo. Que foi exactamente o que se vos encomendou? Como levastes a cabo este traballo? Que quixestes aportar?
-A petición por parte da empresa portuguesa Ideias e Conteúdos foi o desenvolvemento de 8 vídeos máis unha introdución cuxa finalidade sería a promoción cultural e turística da Ribeira Sacra ourensá dentro do proxecto Espazo Atlántico, Territorios Creativos Innovadores. Estes vídeos serían empregados para o desenvolvemento dun xogo, un quiz infantil que debía guiar aos nenos (e a todo aquel que se lanzase a xogar) na procura dun tesouro. Os vídeos baséanse en 8 puntos de interese fixados de antemán pola Deputación de Ourense, todos eles situados na zona ourensá da Ribeira Sacra: San Pedro de Rocas, Centro de Interpretación da Ribeira Sacra, Santo Estevo de Ribas de Sil, Santa Cristina, Balcóns de Madrid, Santa María de Montederramo, Castelo de Castro Caldelas e Xunqueira de Espadanedo. O proxecto requiría coñecementos históricos, xeográficos, iconográficos e lendarios. O traballo de campo foi exhaustivo, co que se recompilou unha numerosa documentación audiovisual para acadar a meirande veracidade no desenvolvemento de cada punto de interese. Astrágalo Studio quixo conxugar un turismo branco, no que convivan un público adulto e infantil xogando coa información nun dobre nivel: un manifesto e outro latente, facendo así un turismo apto para tódolos públicos.
-Na xuntanza recente de Territorios Creativos organizada en Ourense pola Deputación Provincial puidemos comprobar que unha boa parte do voso labor centrouse en dar vida a unha mascota virtual, un monxe chamado Frei Bieito que é quen nos guía pola contorna monástica e paisaxística do Sil e do Miño e o que nos abre as portas dos seus tesouros. Por que elixistes un monxe? Cara a onde se dirixiron os vosos esforzos, á hora de darlle vida, tanto no sentido estético coma no de comportamento e personalidade?
-A Ribeira Sacra debe o seu nome á cantidade de mosteiros e ermidas que poboan as súas paisaxes. Isto fíxonos pensar na posibilidade de que a mascota virtual fose un monxe que representase esa estendida tradición monástica. O nome, Frei Bieito, é unha homenaxe ás abundantes ordes beneditinas da zona. Durante o estudo e o desenvolvemento de Frei Bieito quixemos dotalo de carisma, dunha personalidade afable, doado de identificar dende un punto de vista estético e capaz de aturar as costumizacións precisas para transmitir de maneira efectiva a información necesaria, sempre buscando facelo de xeito atractivo e divertido para todos os públicos. Frei Bieito non leva o clásico hábito negro e branco característico da orde beneditina, recorreuse ao hábito monacal marrón, máis estendido no imaxinario colectivo, menos agresivo para o público infantil, cunhas connotacións psicolóxicas de seguridade e estabilidade que fan que Frei Bieito transmita serenidade e paz. Frei Bieito é tranquilo pero divertido, as expresións faciais e a interactuación dentro da narración dos vídeos axudan e guían ao interlocutor a contextualizar a historia de maneira amena.
-Cando calculades que poderemos gozar desta aplicación nos nosos móbiles ou tablets?
-Arestora a aplicación Ribeira Sacra Monument Tracker xa está dispoñible para descargar, tanto para Android como para iOS (smartphones, iphone e tablets). Esta aplicación preséntanos información turística sobre os puntos de interese da Ribeira Sacra. Achega a posibilidade de que o turista organice a súa viaxe por medio da opción Ruta Libre, ou se lle presenten Itinerarios establecidos para descubrir o patrimonio relixioso ou os vestixios do pasado. Tamén propón unha listaxe por medio de fichas informativas de 28 puntos turísticos seleccionados pola Deputación: mosteiros, igrexas, castelos, mámoas, camiños naturais, miradoiros, rutas en catamarán, lugares dos oficios tradicionais da Ribeira Sacra, necrópoles, aldeas con encanto, lugares hidrográficos de relevancia turística… que se ampliarán nun futuro próximo cunha nova actualización de contidos. Outra opción importante para o visitante é amosarlle un directorio de lugares onde pasar a noite. Todos estes contidos preséntanse a través da Realidade Aumentada ou sobre un mapa interactivo, para maximizar a experiencia do usuario. Outro contido da app -o que realizou o equipo de Astrágalo Studio e que está en proceso de integración- é o Quid, a procura dun tesouro (dirixido principalmente a un público infantil polo seu tratamento narrativo) coa axuda de oito vídeo-animacións, nas que o usuario terá que ir respondendo a unha serie de preguntas. Pero esta parte da app aínda non está dispoñíbel por parte da empresa Monument Tracker, cuestión que se verá resolta nun prazo mínimo de tempo. Esta aplicación, guiada por Frei Bieito, é a ferramenta precisa para comezar a coñecer a Ribeira Sacra, agora só falta promocionala para que chegue ao turista e poida tirarlle o máximo rendemento e goce da súa viaxe por estas marabillosas paisaxes que nos achega a Ribeira Sacra.
-O feito de ter contribuído ao proxecto con este tipo de animacións, no senso máis amplo do termo, fainos pensar que un dos vosos cometidos era implicar no coñecemento da Ribeira Sacra ao maior número posíbel de xeracións, non só a xente de certa idade (xeralmente máis interesada co turismo cultural) senón tamén a nenos e adolescentes, ou sexa, aos máis cativos da familia, non é así?
-Si, así é. O obxectivo principal das animacións guiadas por Frei Bieito, é que as nenas e nenos comprendan a historia, a evolución dos lugares e interactúen co espazo na busca de pescudas, un xeito enxeñoso, ameno, educativo e tecnolóxico... para que as visitas turísticas en familia ou de viaxes escolares teñan un apoio multimedia na comprensión da historia que alí se viviu. As animacións son a ferramenta perfecta para conseguir unha aprendizaxe por descubrimento: hai unha experiencia directa sobre a realidade, pois realízase in situ, e unha revisión dos coñecementos adquiridos por medio das preguntas do Quid. Pero o noso prognóstico de uso é que non só o empregaran @s pequen@s viaxeir@s, senón todo o público, pois é un xeito divertido, concentrado e resumido de información dos puntos turísticos.
-Este proxecto de aplicación desenvolvido ao abeiro doutro proxecto (a iniciativa europea Imagina Atlántica), fixo posíbel a colaboración entre empresas creativas da industria cultural radicadas en diferentes países. Por unha banda temos a Astrágalo, a vosa empresa, emprazada en Ourense, e pola outra temos a Monument Tracker, de Angoulême, e a Ideias&Conteúdos, do norte de Portugal. Que nos podedes dicir deste xeito colectivo de traballar? Credes que é a solución a certas eivas que compartimos estes países da beira atlántica para competir nos mercados coas grandes metrópoles económicas e demográficas?
-Pois o proceso colectivo neste proxecto foi un enriquecemento de cara ao resultado final, diferentes puntos de vista sobre o turismo encamiñados a un claro obxectivo, a promoción e difusión do patrimonio cultural. A posta en marcha da unificación do concepto das industrias culturais orientado ao turismo vai resultar todo un éxito nun futuro inmediato, e perdurable ao longo dos anos. O proceso de traballo para a creación das aplicacións -en 3 idiomas e en 3 lugares tan afastados- foi un reto laboral para nós, pero grazas ás novas tecnoloxías e sobre todo a Internet, o primeiro impacto foi minguando até chegar a unha relación fluída nas tarefas a realizar para o proxecto. Por suposto, este método de traballo colectivo, unifica a firma ou marca turística, pon de manifesto plataformas unificadas no Eixo Atlántico e dá a coñecer o Know-how (saber facer) local de cada país. O viaxeiro que percorre estes lugares e é coñecedor das apps turísticas, sabe o modus operandi, sabe que unha mascota virtual guiaralle polos espazos, que terá unha listaxe de puntos turísticos, de lugares para durmir e mesmo opcións a elixir para gozar da gastronomía por medio da Realidade Aumentada, independentemente de que visite a Ribeira Sacra, Angoulême ou Guimarāes, saberá como maximizar a súa experiencia turística co seu teléfono móbil ou tablet, e esta acción será un triunfo garantido.
-Que nos podedes dicir da vosa experiencia até o de agora, como empresa de creatividade cultural que sodes, que proxectos salientariades? E en cuestión de futuro, cara a onde se vai dirixir Astrágalo?
-Na actualidade a nosa experiencia é moi boa, con menos de 3 anos de vida, traballamos para as marcas máis importantes da nosa terra e de todo ámbito estatal, como é o caso de Unidade Editorial, Indra, TVG, Tele 5, Antena 3, Ono, Glassdrive, Castela A Mancha TV e outras moitas outras que por contratos de confidencialidade non podemos revelar, nin darlles presenza na nosa web. Desde o punto de vista turístico salientaría a nosa execución de dous proxectos: un é Murallas Dixitais, no que estamos a facer reconstrucións en 3D e 2D, gravacións aéreas e vídeos de motion Graphics, para que o turista coñeza os estados das murallas e a evolución como cidade de Santiago de Compostela e Lugo. O outro é o proxecto que xa coñecedes de Frei Bieito, ao que tratamos con especial agarimo, xa que é moi difícil converterse en profeta na túa terra, e que se nos valorase como a empresa máis axeitada para realizar ese labor provocounos unha grande satisfacción, chegando ao seu final coa sensación de facer ben os deberes. O camiño que pretendemos percorrer témolo moi claro, conseguir que os nosos clientes se diferencien da competencia e achegar unha verdadeira experiencia de marca. Gústanos moito experimentar e a nosa inspiración é Ferrán Adriá. Para nós é a mostra viva de gozar do que fas e enriquecelo a cada segundo con elementos que xeran conceptos novos e que fan que as persoas se emocionen en calquera plano. Como fortes de Astrágalo Studio salientaría o deseño, o branding, a creatividade, a posproducción e os motion Graphics. Isto dános unha base para crear e buscar novos modelos de publicidade e comunicación, por este motivo penetramos na gamificación, Web TV, canles corporativas (sendo Partners de Hollybyte). Pretendemos mantérmonos vivos e espertar a nosa creatividade e proxección de futuro.

Nota sobre o proxecto
A aplicación para mobiles para iOS e Android en 4 idiomas (galego, castelán, inglés e portugués) da Ribeira Sacra é unha parte do proxecto piloto posto en marcha pola Deputación de Ourense, dentro do proxecto Imagina Atlántica (cofinanciado ó 65% polo FEDER), co fin de promover o patrimonio cultural e natural da Ribeira Sacra a través das novas tecnoloxías.

PUBLICIDADE