A fibra óptica de Movistar podería iniciar o seu incremento de velocidade o venres

luns, 4 de maio do 2015 Marcus Fernández

Os rumores de que Movistar ía triplicar a velocidade das súas conexións de fibra óptica parecen estar a confirmarse, e dende ADSLzone aseguran que o proceso de incremento de velocidade nas conexións de fibra botará a andar o vindeiro venres, cando os novos clientes comezarán a poder contratar as conexións de fibra de 30 e 300 Mbps, que substituirán ás de 10 e 100 Mbps que hai até o momento. Os clientes actuais terán que solicitar o aumento de velocidade, que pasaría a ser efectivo o vindeiro 1 de xuño sen custo adicional, sendo preciso que un reducido número de clientes (menos do 5%) teña que precisar da intervención dun técnico na súa instalación para poder adaptar o seu equipamento para poder conseguir velocidades de até 300 Mbps.
Movistar non só podería mellorar a súa velocidade en xuño, senón que tamén é de agardar que sorprenda con algunhas novidades froito da aprobación dos organismos reguladores da adquisición de Canal+, o que podería traducirse nunha mellora da súa oferta televisiva para fornecer a súa posición no mercado nun momento no que os seus principais competidores tamén están a apostar por ofertas de produto converxentes.

PUBLICIDADE