Movistar triplicará a velocidade da súa fibra óptica

luns, 23 de marzo do 2015 Marcus Fernández

Tras un grande espallamento das súas conexións de fibra óptica polo territorio español, Movistar prepárase para actualizar a súa oferta de acceso á Rede incrementando a súa velocidade, de xeito que as conexións de maior capacidade actual, con 100 Mbps de baixada e 10 Mbps de subida triplicarían ambos parámetros (mellora da que tamén gozarían as conexións de 10/1 Mbps) posiblemente sen custo adicional, aínda que dende o diario Expansión destacan que o incremento de velocidade vén acompañado tamén dunha suba de prezos, que se situaría no contorno dos 5 euros para todos os produtos de Movistar Fusión.
O diario El País, pola súa banda, apostila que este movemento virá acompañado dun compromiso comercial da operadora de migrar aos clientes de ADSL a fibra óptica sen custo en canto a nova rede estea dispoñible no seu domicilio. Actualmente Telefónica chegaría coa súa rede FTTH a 10,3 millóns de fogares, e pretende chegar a outros 3,6 millóns durante o presente ano, de xeito que a ameaza da compañía de frear o seu investimento en redes de fibra óptica como medida de presión para evitar que a CNMC force ao operadora a compartir as súas infraestruturas de fibra quedaría nun farol.
Coa nova estrutura de velocidades Movistar superaría sobradamente a velocidade de descarga a través de FTTH do resto de competidores (que fixaron en 200 Mbps a velocidade máxima para usuarios particulares), aínda que non sería así na velocidade de subida, xa que en vez de limitarse a 30 Mbps, tanto Orange como Jazztel chegan a ofrecer velocidades de 200 Mbps xa que as súas conexións gozan de modalidade simétrica, aínda que as súas coberturas aínda son moi limitadas.

PUBLICIDADE