A festa das Letras incluirá a presentación do proxecto do Dicionario Enciclopédico das TIC

martes, 6 de maio do 2008 Fernando Sarasketa

Un dos puntos máis salientables do programa Galiza, Terra de Navegantes coordinado pola Consellería de Innovación (co obxectivo de conmemorar as nosas Letras e o uso da Rede) é a presentación do proxecto do Dicionario Enciclopédico das TIC, unha obra que está hoxe en día en proceso de desenvolvemento e que vai representar un gran paso no eido da normalización tecnolóxica en Galiza e (por suposto) na normalización do galego no tecnolóxico. De feito, case se podería dicir que co Dicionario Enciclopédico das TIC materializarase en boa medida aquilo no que se apoian a nosa cultura e as novas canles, amais de constituírse coma unha arma nunha guerra sen guerra: a da loita contra a fenda dixital.
A presentación será o 13 de maio, ás 13:00 horas, no Hotel Porta do Camiño.
O caso é que do proxecto, que abranguerá entre catro e cinco mil termos, xa temos falado noutras ocasións: en parte para afondar no que foi preciso investir (máis de dous anos de traballo e esforzos e 167.000 euros) e en parte para anunciar o seu posible remate non definitivo no prazo dun ano (e dicimos o de “non definitivo” porque unha obra así debe ficar sempre aberta a actualizacións, máis que outras de índole menos tecnolóxica e, polo tanto, menos cambiante).
No traballo están a participar moitas mans. Por unha banda cóntase coa concorrencia da Xunta a través da Consellería de Innovación, e tamén da COETG e a AETG, o Colexio e máis a Asociación de Enxeñeiros de Telecomunicacións de Galicia. Ademais, están a traballar arreo na iniciativa até quince investigadores da Escola Técnica Superior de Enxeñería de Telecomunicacións de Vigo. O proxecto está dirixido polo profesor José María Pousada, quen salientou hai ben pouco a necesidade de contar cunha obra coma esta, rexistro de referencia sobre o vocabulario TIC do que podamos botar man sempre que teñamos unha dúbida sobre normativa ou sobre o significado dun termo concreto.
En definitiva, que o volume ben podería ser algo así coma un manual para internautas e actuar como un axente de normalización das novas tecnoloxías na nosa terra, superado un dos atrancos principais: a sobrepresenza do inglés.
O proxecto, promovido polo Colexio Oficial e Asociación de Enxeñeiros de Telecomunicación en colaboración coa Universidade de Vigo, a Consellería de Innovación e a Real Academia Galega (achegando labor de supervisión lingüística), reunirá preto de cinco mil termos de libre e total acceso para a sociedade galega.

PUBLICIDADE