O Dicionario Galego das TIC podería ser unha realidade no prazo dun ano

xoves, 21 de febreiro do 2008 Fernando Sarasketa

A galega é unha lingua especialmente válida no eido das novas tecnoloxías. Esta maridaxe entre a nosa fala e a Sociedade da Información é boa para lingua (porque abre vieiros de futuro) e tamén para enriquecer o propio eido dixital, que será máis asumible na diversidade. Con todo, os que máis saímos gañando somos os usuarios. Estes tres piares son a base do proxecto da Escola Técnica Superior de Enxeñería de Telecomunicacións de Vigo que aparece hoxe referenciado en Chuza! e que consiste –entre outras cousas- na posta en marcha do Dicionario Galego das TIC, un traballo no que están a participar até quince investigadores e que abranguerá entre catro e cinco mil termos.
A iniciativa, que estará a disposición dos usuarios galegos (ou non galegos) destas ferramentas arredor de marzo de 2009, está dirixida polo mestre José María Pousada (na imaxe), quen salienta a necesidade de contar cunha obra coma esta, un rexistro de referencia sobre o vocabulario TIC do que podamos botar man sempre que teñamos unha dúbida sobre normativa ou sobre o significado dun termo concreto. En definitiva, que o volume ben podería ser algo así coma un manual para internautas e actuar como un axente de normalización das novas tecnoloxías na nosa terra, superado un dos atrancos principais: a sobrepresenza do inglés.
O proxecto, promovido polo Colexio Oficial de Enxeñeiros de Telecomunicación en colaboración coa Universidade de Vigo, a Consellería de Innovación e a Real Academia Galega (achegando labor de supervisión lingüística), reunirá preto de cinco mil termos de libre e total acceso para a sociedade galega.

PUBLICIDADE