A comunicación como imaxe, a debate en Pontevedra

xoves, 15 de maio do 2008 Fernando Sarasketa

O vindeiro xoves 22 de maio o xornalista Moncho Paz, colaborador habitual de Código Cero, debaterá sobre a comunicación institucional na Sociedade do Coñecemento na Facultade de Ciencias Sociais de Pontevedra, da Universidade de Vigo. Será no marco do VIII Curso de Comunicación e Protocolo, dirixido polo profesor e xornalista Fernando Ramos e patrocinado pola Secretaría Xeral de Comunicación da Presidencia da Xunta, a Deputación Provincial de Pontevedra e Caixanova.
A conferencia inaugural correrá a cargo do presidente da Organización Internacional de Cerimonial e Protocolo (OICP), Jorge Salvati, que falará sobre a función do protocolo como instrumento da imaxe das institucións. Eliane Ubillus, vicepresidenta da OICP, presidenta da Asesoría para Asuntos Internacionais do Comité Nacional de Cerimonial Público de Brasil e xefa de Protocolo da Prefectura de Campos de Jordao (Estado de Sao Paulo, Brasil) exporá a cuestión A experiencia do protocolo corporativo no eido internacional”.
Carlos Gutiérrez Zúmel, director de comunicación do Real Automóvil Club de Catalunya, abordará as campañas de comunicación institucional para a educación viaria. O xornalista lugués Fernando Ramos, profesor de Ciencias da Comunicación da Universidade de Vigo e director do curso, terá ao seu cargo o relatorio O Consello Social e a súa función na imaxe institucional da Universidade pública. Alfredo Rodríguez, xefe de Protocolo do Ministerio de Defensa, explicará a presenza española en misións internacionais de paz e a súa función ao servizo da imaxe do Estado español no mundo. Pola súa banda, os doutores Xosé Rúas e Pedro Pablo Gutiérrez presentarán un taller sobre A comunicación institucional e s súas variantes: a propaganda institucional versus a publicidade institucional. A comunicación institucional nas efemérides é o tema que tratará a doutora María Teresa Otero Alvarado, profesora de Relacións Públicas, ex directora de Comunicación da Junta de Andalucía e do Parlamento andaluz, e tamén autora do Plan de Estratexia Institucional da Expo Zaragoza 2008.
O caso de Portugal no eido da comunicación pública o exporán o doutor Manuel Pinto Teixeira, director do Gabinete da Cámara Municipal de Porto e Florbella Guedes, xefa de Prensa da mesma institución. O director de comunicación e o seu papel na sociedade robotizada é a relatorio de Alejandro Kowalski Bianchi, director de Comunicación do Banco Pastor. Seguirá unha mesa redonda coa intervención de Amalia Baltar, directora de Comunicación de Unión Fenosa en Galicia; Pati Blanco, Xefe de Relacións Externas de El Corte Inglés en Galicia; Pedro Hortas, director de Comunicación do Grupo PSA en Vigo; e Moncho Paz, que na actualidade desempeña a súa actividade profesional como consultor e responsable de Comunicación de IDOM.
O doutor Martí Pellón falará sobre As salas de prensa virtual: a nova fronteira Comunicación institucional e Victoria Filardo, ex responsable de organización de eventos da Universidade de Carabobo, Venezuela, sobre A organización de eventos no ámbito institucional. Valentín Alejandro, director do Máster de Comunicación Empresarial da Universidade da Coruña, que dirixe varios cursos semellantes en universidades americanas, exporá o relatorio Formando voceiros/Experiencia en dous continentes. A conferencia de clausura correrá a cargo de Enrique de Aguinaga, cronista oficial de Madrid e catedrático emérito de xornalismo da Universidade Complutense de Madrid.

PUBLICIDADE