A biografía de Steve Jobs en cómic chega a España

martes, 3 de abril do 2012 Marcus Fernández

O cómic de Aleta Ediciones imita a aparencia dun iPad (tanto na súa portada coma na contraportada).

Bluewater Productions comercializou o pasado verán nos EE.UU. o cómic Steve Jobs: Co-Founder of Apple, guionizado por C.W. Cooke e debuxado por Chris Schmidt, que contaba con 32 páxinas e podía adquirirse por 3,99 dólares, pero dende o pasado venres é posible conseguirse unha edición española da obra que repasa brevemente a biografía do co fundador de Apple. Aleta Ediciones é a compañía que achega ao noso mercado Steve Jobs. El hombre que cambió el mundo, que sorprende polo seu formato (as súas tapas imitan a aparencia externa dun iPad) aínda que por desgraza tamén vén acompañado por un prezo un tanto excesivo (6,95 euros).
Cómpre dicir que estamos ante unha obra que busca achegar a figura de Jobs á mocidade, nun formato que dista bastante do cómic convencional, limitándose a un resumo en texto da biografía do que por moitos anos foi a cabeza visible de Apple, acompañado por debuxos dunha discutible calidade artística (tanto no lapis coma na cor), que parece querer dar unha visión compracente do personaxe, polo que podemos ver esta obra máis como unha peza de colección para seareiros da compañía da mazá que como unha achega á vida do seu co fundador.

PUBLICIDADE