Un cómic reflictirá a biografía de Steve Jobs

mércores, 15 de xuño do 2011 Marcus Fernández

Tras comercializar o cómic biográfico de Mark Zuckerberg, Bluewater Productions anuncia que en agosto vai levar ás tendas norteamericanas unha biografía en banda deseñada de Steve Jobs, o fundador de Apple que está considerado como unha das figuras máis representativas do sector tecnolóxico e ten tantos defensores como detractores, especialmente pola súa personalidade conflitiva.
Steve Jobs: Co-Founder of Apple é o título do cómic de 32 páxinas que venderase a 3,99 dólares e que estará guionizado por C.W Cooke, debuxado por Chris Schmidt e cunha portada ilustrada por Joe Phillips (coñecido polos seus traballos para DC Comics en coleccións como Mister Miracle, Secret Originis, Green Lantern, Legion of Super-Heroes e Wonder Woman).
Este cómic chegaría como resposta á boa acollida que tivo a biografía de Zuckerberg, agardando repetir o éxito en vista do interese que pode captar este persoeiro que revolucionou o mundo, tivo unha curiosa relación con Bill Gates (dando lugar a unha especie de parella antagónica do sector tecnolóxico norteamericano) e incluso as especulacións sobre a súa saúde.
Dende PC World publican un pequeno avance desta obra, nunha pequena galería de imaxes en branco e negro, que permite facernos unha idea do nivel da obra final, que non destaca precisamente polo seu nivel artístico, pero que pode servir como un achegamento lixeiro a unha biografía, factor que saben aproveitar ben dende Bluewater, editorial que trasladou á novena arte as vidas de Lady Di, Madonna, Michelle Obama, Hillary Clinton, Howard Stern e Justin Bieber entre outros.

Unha das viñetas do cómic adiantadas por PC World

PUBLICIDADE