A beta de WhatsApp xa permite realizar videoconferencias

martes, 25 de outubro do 2016 Marcus Fernández

A partires desta noite os usuarios da versión beta de WhatsApp teñen unha nova opción na aplicación, de xeito que xa non só poden realizar chamadas de VoIP a través de WhatsApp, senón tamén videoconferencias, prestación que leva meses en probas (de feito, estivo accidentalmente dispoñible para moitos usuarios durante o pasado verán) e que terá como grande reto comprobar se consegue facer desta unha prestación popular ou queda nunha simple anécdota por culpa da resistencia dos usuarios a empregar un método de comunicación tan intrusivo coma o vídeo.
Actualmente a opción de realizar videoconferencias a través de WhatsApp está dispoñible a través da icona do teléfono que aparece en cada conversa de WhatsApp e tamén na sección de Contactos da aplicación (tanto na listaxe de contactos como en cada ficha particular) de xeito que ao botón con forma de teléfono súmase agora un cunha icona que representa unha videocámara.
Este tipo de novidades normalmente tardan uns poucos días en chegar á versión estándar de WhatsApp, polo que non sería de sorprender que antes da fin de semana a videoconferencia estea dispoñible para todos os usuarios desta aplicación de mensaxería instantánea, aínda que cómpre advertir de que a experiencia aínda é bastante mellorable, e nas probas realizadas xa rexistran que esta ferramenta ten un consumo excesivo de datos, chegando a triplicar o volume de datos que empregaría Skype e multiplicar por 5 o consumo do vídeo con Facebook Messenger ou o Duo de Google, aínda que isto podería mudar nos vindeiros días tras as probas que realizan grazas aos numerosos usuarios que están inscritos ao programa de betas de WhatsApp.

PUBLICIDADE