A axencia galega Lúdica 7 achega recursos para publicarmos dixitalmente do xeito máis cómodo e eficaz

venres, 18 de xaneiro do 2013 Fernando Sarasketa

A comunicación dixital en calquera das súas vertentes xa ten carta de madurez. Agora máis que nunca, neste intre no que as publicacións son máis doadas de visualizar nun computador ou en calquera trebello móbil. Cómpre engadir tres vantaxes a maiores: redúcense custes (non hai impresión en papel), contribúese a preservar o medio e favorécese a universalidade do proxecto (chega a tódolos recantos sen envío físico de por medio). Estes son os alicerces sobre os que traballa A Caramuxa Galega, do Grupo Lúdica 7, unha iniciativa galega, con base en Santiago, que aposta fortemente pola publicación dixital tirando o máximo proveito de complementos como vídeos, imaxes, gráficas, animacións, ligazóns webs, viralidade, xeoposicionamento, interactividade e presenza nas redes sociais. O seu obxectivo é contribuír a que deixemos atrás a idea de publicación en liña a xeito de documento PDF en limpo. Un dos principais recursos a empregar é o visor de A Caramuxa en HTML5, ao seu xuízo “a linguaxe do futuro”.

Exemplo de publicación vista co visor HTML5 da Caramuxa Galega

Detrás de todo este proxecto está, como dixemos, o equipo multidisciplinar de A Caramuxa Galega, un conxunto de profesionais da nosa terra especializadas/os en edición gráfica multimedia, deseño gráfico, desenvolvemento web e maquetación tradicional. Un dos puntos comúns do equipo, elemento aglutinador, é o seu interese pola publicación electrónica e, xa nun plano máis concreto, a reivindicación de formatos como libros electrónicos e publicacións en liña interactivas. “Na actualidade”, contan, “o deseño de revistas, libros e publicacións diversas como catálogos, trípticos, dípticos; traballados nos programas máis coñecidos, convertíanse en PDF que poderían ser amosados cunha maior vistosidade e practicidade visual; pero malia todo isto, estas achegas en formatos PDF ou Flash non ofrecían as oportunidades de indexación e de interactividade que nos subministra actualmente a programación HTML5”. Esta linguaxe é ao seu xuízo, a linguaxe dos anos vindeiros. A razón disto? A xuízo de A Caramuxa, este tipo de programación permite entre outras moitas cousas que os produtos resultantes teñan unha maior visibilidade na Rede e unha meirande marxe de adaptación aos diferentes trebellos e formatos. Por exemplo, sinalan, poderemos ver os nosos produtos gráficos en tódolos dispositivos móbiles iOS e Android e sen necesidade de baixar ningunha aplicación do Store ou do Android Market.
No servizo El Visor, de A Caramuxa, achégase, segundo indican, todo o preciso para que quen queira publicar algo nas novas canles de comunicación poida facelo do xeito máis “cómodo e efectivo”. A isto engádese a posibilidade de integrar o resultado e personalizado na propia web empresarial de cada quen, permitindo consultas directas dende a Rede e evitando as tradicionais descargas. A maiores, compleméntase o servizo coa supresión de aplicacións específicas para móbiles ou tablets, xa que coa plataforma de A Caramuxa as maquetacións cobran vida sen necesidade de aquelas, en formato vertical ou horizontal, adaptándose de xeito automático aos dispositivos móbiles.

PUBLICIDADE