A aplicación de mensaxería móbil de Facebook xa funciona en España

luns, 24 de outubro do 2011 Marcus Fernández

A loita entre as aplicacións de mensaxería instantánea no móbil endurécese, e finalmente xa está dispoñible para España a aplicación Facebook Messenger, tanto na App Store para dispositivos como o iPhone e o iPod Touch, como para trebellos Android ou BlackBerry, de xeito que será posible comunicarse cos nosos amigos de Facebook sen ter que entrar na aplicación oficial do servizo e con funcionalidades optimizadas para o intercambio de mensaxes.
O Facebook Messenger permite enviar mensaxes instantáneas, chatear, recibir notificacións de mensaxes entrantes, engadir a ubicación actual e fotografías ás mensaxes, acceder ás mensaxes enviadas e recibidas de Messenger e Facebook, crear conversas de grupo para facer plans, engadir máis amigos ás conversas de grupo e controlar a configuración das alertas e a ubicación de cada conversa.
Esta aplicación pode supor unha seria ameaza para plataformas como Whatsapp, pois a meirande parte dos usuarios deste tipo de sistemas de mensaxería paralelamente tamén son usuarios de Facebook, de xeito que o Facebook Messenger permítelles unha experiencia integral máis completa.

PUBLICIDADE