A aplicación de consultas profesionais Appvisor estrea versión para Android

luns, 14 de xaneiro do 2013 Marcus Fernández

A primeiros de xuño de 2012 presentábase oficialmente Appvisor, unha aplicación móbil para dispositivos iOS desenvolvida en Galicia que facilita a realización de consultas a un panel de expertos con garantías de profesionalidade e confidencialidade, vén de estrear versión para dispositivos con Android 2.2 ou superior, ampliando dun xeito moi importante o público obxectivo deste servizo en liña.
Con Appvisor os usuarios poden empregar o seu smartphone para realizar consultas de ámbitos como o dereito, a empresa, o deseño ou a saúde, que van ampliándose paulatinamente segundo van incorporándose novos expertos, polo que estamos ante unha solución con moito potencial, que como principal atractivo ten a posibilidade de realizar consultas dun xeito áxil en calquera lugar onde sexa posible conectarse á Rede, á vez que goza dunhas tarifas que van en función da profundidade desexada na resposta (5,99 euros para unha consulta breve, 12,99 euros para unha consulta avanzada e 29,99 euros para un informe).
Cómpre destacar o feito de que as consultas non só poden remitirse en formato texto, senón que tamén poden acompañarse con gravacións sonoras, ligazóns e imaxes (tanto da galería do móbil como captada ao momento coa cámara).

PUBLICIDADE