A aplicación de cinema Whatscine, Premio Reina Letizia de Tecnoloxías da Accesibilidade

xoves, 19 de novembro do 2015 Redacción

Whatscine, a ferramenta da que falamos no verán pasado para dar conta da súa inclusión no catálogo cinematográfico de Movistar+, vén de ser obxecto dun importante recoñecemento ao seu labor, centrado sobre todo en permitir que as persoas con diversidades funcionais auditivas e visuais poidan ter acceso ao cinema a través de recursos de audiodescrición, lingua de sinais e subtítulos adaptados. Falamos do Premio Raíña Letizia de Tecnoloxías de Accesibilidade. Segundo fixo saber o xurado (formado polo Real Padroado sobre Discapacidade e a Fundación CENTAC), o proxecto Whatscine ten entre os seus valores concibir accesibilidade “como un dereito”, e non como un privilexio.
O premio, dotado de 20.000 euros, está financiado ao 50 por cento polo Real Padroado sobre Discapacidade e a Fundación CENTAC, convocantes do certame. O obxectivo do certame é "premiar un proxecto con perspectiva de continuidade no campo da accesibilidade ás Tecnoloxías da Información e a Comunicación, as TIC, para as persoas con discapacidade apoiando a igualdade de oportunidades e a inclusión tecnolóxica".
Whatscine, como lembraremos, é un proxecto único dirixido a que as persoas diversidades funcionais auditivas ou visuais poidan gozar do cinema e outros medios audiovisuais “sen interferir co resto de espectadores”. Para iso, incorpora tres sistemas de accesibilidade como audiodescrición, lingua de signos e subtitulado adaptado nunha única aplicación dispoñible en dispositivos móbiles ou tabletas.

PUBLICIDADE