Movistar+ fornece filmes accesíbeis para persoas con discapacidade visual a través de Whatscine

martes, 4 de agosto do 2015 Redacción

A firma Movistar anunciou que está a xuntar esforzos con WhatsCine para tirar abaixo barreiras de accesibilidade no que a súa oferta de cinema (Movistar+) se refire. Máis polo miúdo, o que queren as empresas é permitir que as persoas con diversidades funcionais relativas ao visual poidan gozar integramente do catálogo de películas, series e documentais da operadora. Con este obxectivo, a firma convidou a todas as persoas coas devanditas características a acceder á web televisionaccesible.com para coñecer de primeira man a proposta sen atrancos visuais das dúas empresas e deixar as súas opinións e suxestións sobre a experiencia. A proposta estase a materializar en filmes en formato ceibe de atrancos visuais a través da aplicación WhatsCine e un formato de aluguer sen custe adicional.
A listaxe de filmes inclúe achegas como A conspiración de novembro, O home máis enfadado de Brookyn ou Tarzán. A grella irá recibindo novos filmes con esta tecnoloxía cada semana.
O obxectivo desta iniciativa, sinala a operadora, é crear “a primeira televisión accesíbel para todos e converter a Movistar+ na televisión de pago coa mellor oferta de vídeo en España”.
A compañía tamén anunciou o sorteo en setembro dun pack composto por un dispositivo intelixente, unha tableta e unha TV smart, entre todas as persoas que deixasen a súa opinión e suxestións no devandito microsite. En paralelo, un grupo de persoas seleccionadas por CNSE, FIAPAS e ONCE realizarán probas de usuario para confirmar “que a experiencia de uso adáptase ás súas necesidades e propoñer melloras para as vindeiras versións da aplicación”, engade Movistar, que explica tamén que WhatsCine é “o único sistema do mundo cos tres elementos de accesibilidade integrados, audio descrición, subtítulos e lingua de signos, especialmente adaptado para Movistar+”.

PUBLICIDADE