A aplicación de Skype para iPad ve temporalmente a luz

martes, 2 de agosto do 2011 Marcus Fernández

A xente de Engadget puido probar a aplicación antes da súa retirada

Nas últimas horas chegou por sorpresa á App Store a aplicación para iPad de Skype, de xeito que o tablet de Apple xa podería empregar esta popular solución para establecer videoconferencias por Wi-Fi ou 3G, aproveitando as 9,7 polgadas da pantalla do dispositivo e as súas cámaras. A aplicación inclúe tamén a mensaxería instantánea e as chamadas de voz, e supón unha importante mellora con respecto da versión para iPhone pois, aparte de tirar proveito da resolución de pantalla, tamén facilita o uso da mensaxería instantánea durante unha videoconferencia.
Esta nova aplicación non só funciona no iPad 2, senón que no iPad orixinal tamén pode empregarse, aínda que en tal caso as videoconferencias só gozarían de vídeo nunha dirección (o dispositivo carece de cámara).
Por desgraza, parece que o lanzamento desta ferramenta foi prematuro, de xeito que xa retiraron a aplicación da App Store, pero é de agardar que en breve estea oficialmente dispoñible, pois semella un produto definitivo que presumiblemente só terá algúns detalles por pulir.
ACTUALIZACIÓN: Tras o falso lanzamento, a aplicación de Skype para iPad xa está dispoñible na App Store

PUBLICIDADE