A aplicación de Gmail para iOS xa permite mudar o remitente do e-mail

xoves, 29 de marzo do 2012 Marcus Fernández

A aplicación nativa de Gmail para iOS incorporou características adicionais sen precisar dunha actualización propiamente dita (pois a ferramenta está baseada en HTML5, de xeito que moitos dos cambios poden facerse remotamente), de xeito que agora inclúe unha característica agardada dende o seu lanzamento: a posibilidade de definir o remitente dunha mensaxe de correo electrónico.
Dende Gmail é posible centralizar todo o noso correo electrónico recibindo e enviando mensaxes de distintas contas dende a propia ferramenta web, o que só tiña un soporte parcial na aplicación para iOS, o que agora soluciónase, de xeito que xa podemos seleccionar a conta de correo electrónico dende a que queremos remitir mensaxes, sen ter que recorrer á versión web do servizo.
A aplicación web de Gmail continúa a ser bastante peor que outras aplicacións nativas para iOS, pero o feito de que vaia mellorándose paulatinamente é unha esperanza para os usuarios de tablets, pois enténdese que buscan crear unha interface unificada que sexa axeitada para distintos sistemas operativos con control táctil (de aí que opten polo HTML5 en vez de código nativo).

A aplicación de Gmail permítenos agora elixir entre os múltiples enderezos de e-mail que empreguemos para remitir as nosas mensaxes

PUBLICIDADE