A aplicación abalarMóbil está xa dispoñible para 42.000 familias galegas

mércores, 29 de outubro do 2014 Redacción

Nos últimos catro meses a AMTEGA, en colaboración coa Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, triplicou o número de centros que poden dispoñer da aplicación abalarMóbil, que permite ás familias seguir a actividade educativa dos seus fillos dende calquera lugar, dunha forma rápida e cómoda a través dos seus dispositivos móbiles.
Actualmente abalarMóbil está dispoñible para máis das 42.000 familias do alumnado matriculado en 100 centros das 4 provincias galegas (43 da provincia da Coruña, 19 de Lugo, 9 de Ourense, 29 de Pontevedra) e nos vindeiros meses ampliarase o alcance de abalarMóbil paulatinamente ao resto dos centros educativos. Cando estea plenamente funcionando en todos os centros educativos preto de 400.000 nais e pais se poderán beneficiar das vantaxes da aplicación.
As familias que descarguen a aplicación poderán consultar desde o seu dispositivo móbil as cualificacións dos seus fillos, solicitar unha cita de titoría, consultar e xustificar as faltas de asistencia, as faltas de conduta, os horarios e as materias, as incidencias creadas polo profesorado así como os avisos ou notificacións por parte do profesorado ou do centro educativo e modificar o idioma da aplicación.
AbalarMóbil traslada ás tabletas e aos smartphones os servizos que as familias teñen no espazoAbalar coa vantaxe de simplificar o acceso a estas funcionalidades, xa que o único requirimento para acceder á información é descargar a aplicación (non tendo que precisar de certificado dixital ou DNI electrónico para identificar ao usuario).
Esta ferramenta pode descargarse de balde de Google Play e da App Store.

PUBLICIDADE