A Xunta presenta en Hungría a nova plataforma tecnolóxica SOA

martes, 30 de setembro do 2008 Raquel Noya

No marco da XIV edición do Foro de Microsoft que se está a celebrar estes días en Budapest (Hungría), e no que participan máis de 150 representantes públicos e empresas tecnolóxicas, Juan Gómez Romero, director xeral de Calidade e Avaliación das Políticas Públicas, fixo pública a nova plataforma SOA (Arquitectura Orientada a Servizos) que ten como obxectivo mellorar a calidade dos servizos públicos para o impulso da Administración Electrónica en Galicia.
Gómez Romero sinalou que “o novo paradigma das administracións públicas ten na lei de acceso electrónico dos cidadáns un dos seus principais expoñentes”, algo que en Galicia se completa coa Lei de Transparencia e Boas Prácticas. En ambos casos, dixo, “a calidade dos servizos públicos configúrase como elemento esencial dunha administración moderna”.
Asemade, o director de Calidade, incidiu na importancia que supón para a Xunta a mellora do acceso electrónico e o feito de posibilitar a provisión electrónica dos servizos da administración para darlle pulo á modernización e innovación en Galicia.
Este proxecto suporá a aparición de expedientes e documentos electrónicos que substituirán os expedientes en papel e impulsarán a eficacia e a eficiencia do procedemento administrativo, de xeito que se posibilite o avance cara a unha “administración cero papel”. Así, os centros directivos da Xunta disporán non só de avanzadas ferramentas informáticas para a automatización das súas actividades, senón tamén dun amplo abano de metodoloxías para o apoio da xestión dos seus procesos de mellora continua a través do Sistema de Calidade na Xestión (Plan Mellora), segundo explicou.

Características da plataforma

As principais características da plataforma SOA son o seu amplo despregue no mercado e o emprego de estándares abertos e recoñecidos, elementos que a configuran como unha solución “clave” de interoperabilidade entre as diferentes plataformas tecnolóxicas e, polo tanto, como unha “excelente” canle de comunicación entre diferentes departamentos e administracións públicas.
Gómez Romero indicou que a Consellaría de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza buscou, a través dela, unha solución de doada implantación, dunha banda para integrar os sistemas de información herdados do Goberno anterior e doutra para abordar novos desenvolvementos e funcionalidades en períodos de tempo curtos e con orzamentos reducidos.
A plataforma ten, asemade, como obxectivo, a procura da máxima usabilidade e capacidade de explotación de datos, non só do empregado público para o seu traballo diario, senón tamén do cidadán, “quen poderá acceder á súa información de xeito áxil e transparente sen que a tecnoloxía do seu propio ordenador sexa limitante nese acceso”, concluíu o director.

PUBLICIDADE