A Xbox 360 rebaixa o seu prezo en Europa o día 19

martes, 16 de setembro do 2008 Marcus Fernández

Os 3 modelos da Xbox 360 rebaixan entre 20 e 70 euros o seu prezo

No Xapón e nos EE.UU. reduciron o prezo da Xbox 360 co conseguinte aumento das vendas pois a consola de Microsoft se situaba como a máis económica da nova xeración, o que xa acontecía no mercado europeo, polo que parecía que a rebaixa nas nosas terras podería tardar en chegar, pero non será así, e a compañía de Redmond anunciou que o vindeiro venres a Xbox 360 pasará a custar 179 euros no seu modelo Arcade, 239,99 euros na versión con disco duro de 60 Gb e a 299,99 euros con disco duro de 120 Gb (o que supón unha rebaixa de 20, 30 e 70 euros respectivamente).
Esta nova oferta poderá axudar á Xbox 360 a manter a súa posición de superioridade fronte a PS3 de Sony, que tarda en despegar as súas vendas por mor do seu elevado prezo. Ademais, en breve a Xbox 360 vai cambiar a súa interface (Dashboard) de xeito radical (incorporando unha especie de videoclub e avatares tridimensionais que lembran aos Mii de Nintendo) no que é un movemento sen precedentes no mundo das consolas. A renovación da plataforma de xogos de Microsoft pretendería atender ao novo público que se achega á mesma, de xeito que se adapta a xogadores ocasionais á vez que facilita o acceso aos contidos do seu Bazar en Xbox LIVE.

PUBLICIDADE