A Wikipedia, de novo en entredito por reproducir intereses políticos e sociais da vida real

luns, 30 de xuño do 2008 Fernando Sarasketa

Kaos en La Red, que segundo Carlo Fabretti é un dos poucos medios de comunicación fiables que operan na Internet, está estes días a poñer en tela de xuízo a unha das plataformas que mellor vén representando o espírito participativo, libre e social da nova orde de Internet, máis (polo menos no plano teórico) ao servizo dos cidadáns e dos seus puntos de vista. Estamos a falar da Wikipedia, que segundo un extenso artigo do analista Santiago Alba Rico publicado na dita canle non é xa nin tan libre nin tan de esquerdas como se pensaba nun principio, polo que se pode deducir do feito de ter unha versión en español mantida por unha relativa minoría de 5.000 internautas para logo ser consultada e crida por centos de millóns de persoas no mundo.
Isto, dise no informe de Alba Rico, tradúcese nunha inevitable loita de intereses ideolóxicos e políticos dado o gran potencial da plataforma web, reproducindo esta de xeito fiel as eivas e os tirapuxas sociopolíticos da realidade previa e paralela. Un exemplo disto é o que acontece con Palestina, “ocupada sobre o terreo por Israel e ocupada tamén na Wikipedia”. A xuízo do analista, non é preciso introducirse moito nas entradas da enciclopedia en liña sobre Oriente Próximo para decatarse de parcialidade da información, neste caso concreto cunha serie de puntos de vista que favorecen sen dúbida a causa sionista.
O estudo, que se para a avaliar exemplos claros de manipulación informativa (que informan de xeito innegable, pero logo da elección de adxectivos e construcións verbais que están feitos á medida de certos poderes), tamén se lanza a criticar a posibilidade de discutir en foros abertos os contidos publicados na enciclopedia, supostamente unha vantaxe pero logo, constatándose que a participación vén da man dun número reducido duns “mesmos de sempre”, convertida en exemplo de democracia limitada.

PUBLICIDADE