A Warner lanzará en 2008 os Total HD que combinarán Blu-ray e HD DVD nun único soporte

venres, 29 de xuño do 2007 Marcus Fernández

Warner Home Video pretende afrontar o mercado doméstico da alta definición cun soporte que supón unha aposta segura, o Total HD, que sería uns díscos de dobre formato compatibles tanto con lectores Blu-ray coma HD DVD, que se agardaban para a segunda metade de 2007, pero parece que os problemas técnicos derivados a complexa fabricación de discos que incorporasen os dous formatos retrasarían o lanzamento dos Total HD ata primeiros de 2008.
Nun principio están a traballar no lanzamento de entre 10 e 20 títulos no novo formato, que podería ser moi ben recibido polo público, xa que estarían alleos á guerra de formatos de alta definición, pois ó incorporar os dous sistemas os consumidores que adquiran os novos discos sempre apostarán polo cabalo gañador.
Os novos discos contarían con dúas caras, de xeito que cada unha estaría gravada nun formato distinto de alta definición, o que non parece unha operación sinxela, pero o estudio cinematográfico entende a súa fabricación como unha prioridade pois detectan demanda tanto de Blu-ray coma de HD DVD e atender ós consumidores cun único produto incrementará a satisfacción dos mesmos e faría máis doada a distribución das películas para consumo doméstico.

PUBLICIDADE