A Universidade de Granada desenvolve un sistema móbil para facilitar a comunicación dos nenos autistas

venres, 20 de outubro do 2006 Fernando Sarasketa

As tecnoloxías da información non nos aseguran por si soas máis posibilidades de diálogo cos restantes membros da especie humana, e en moitos casos chegan a impedilo por un mal emprego (parellas sentadas nun café nunha mesma mesa falando por cadanseu móbil a quilómetros de distancia).
Sexa como sexa, hai que recoñecer que hai ocasións en que se opera a milagre e a comunicación chega a ser tan completa que case é difícil de enxergar ó cen por cen, e máis se somos persoas con dificultades para expresarnos ou para que os demais cheguen a nós. É nesta liña de usar as ferramentas da comunicación para o que son onde se sitúa o programa Sc@ut, orientado a favorecer a relación directa dos nenos co espazo que os rodea. A iniciativa está a ser desenvolvida por investigadores da Universidade de Granada e nela participan trece mestres da Escola Técnica Superior de Informática e un equipo de psicólogos, pedagogos e logopedas.
O programa Sc@ut (Sistema de Comunicación Aumentativa e Adaptativa) baséase no emprego dun software (libre) executable en varios dispositivos: PCs, portátiles, PDAs, etc; e está especialmente deseñado para nenos en xeral con necesidades educativas e comunicativas especiais. Máis polo miúdo, trátase dunha ferramenta que abre as portas para a interactuación co noso medio.
Por certo que na web da Universidade de Granada, os pais, titores ou mestres interesados nesta aplicación poden descargarse o devandito software para logo ser empregado –como dixemos– en computadores ou en PDAs. Con esta manobra, indican os investigadores responsables da iniciativa, o aparello quedará configurado como un instrumento de comunicación entre o rapaz e a sociedade, xa que por medio del poderá expresar as súas gañas de ir ó baño, de comer ou até sentimentos como ledicia, tristura ou cansazo.
Cómpre subliñar que Sc@ut é aínda unha experiencia piloto e polo de agora levouse á práctica en 16 centros educativos de Granada e Jaén, mais a intención da Junta de Andalucía é espallalo por toda a comunidade. A xuízo do equipo desenvolvedor, unha das principais vantaxes deste proxecto baséase na posibilidade de estar en movemento, de non ficar ancorados nun espazo concreto e delimitado: vantaxes da mobilidade, e da tecnoloxía.

PUBLICIDADE