A USC duplicou a súa oferta de revistas electrónicas

xoves, 5 de marzo do 2015 Redacción

O número de títulos de revistas electrónicas accesíbeis dende a Universidade de Santiago, a través do Consorcio de Bibliotecas Universitarias de Galicia (Bugalicia) ascenderá este ano até as 6.626 publicacións. Isto será posíbel, en parte, grazas ás negociacións coas editoriais especializadas Elsevier, Springer e Wiley. Segundo informa a USC, todas estas firmas contan cun paquete de publicacións recoñecido prestixio internacional, “xa que a maioría están representadas no índice de referencia Journal Citation Reports con altos factores de impactos nas súas respectivas disciplinas”.
En termos máis concretos, o acceso á Freedom Collection de ScienceDirect de Elsevier permitirá pasar dos 931 títulos dispoñíbeis do pasado ano aos 1.837 actuais; mentres que de Springer, co acceso aos títulos da Licenza Cruzada de Institucións Españolas, das 130 cabeceiras de 2014, a oferta increméntase ata o 1.853 títulos en 2015; ao que se suma o acordo marco con Wiley, que supón pasar de 480 títulos a 1.422.
Segundo engade a USC, “as licenzas de paquete completo negociadas por Bugalicia ofrecen aos investigadores un maior acceso á literatura científica, ao tempo que facilitan a difusión de publicacións e a posibilidade de que se incrementan o número de citas para cada traballo e autor/a”. O acceso ao catálogo de e-revistas pódese facer a través da web da Biblioteca Universitaria.

PUBLICIDADE