A USC contará cunha Cátedra de Intelixencia Artificial en Medicina Personalizada de Precisión

mércores, 24 de xaneiro do 2024 S. P.

O Ministerio de Asuntos Económicos e Transformación Dixital vén de facer pública a lista de universidades españolas que recibirán financiamento para Cátedras de Intelixencia artificial, entre as que destaca a cátedra universidade-empresa da USC e Plexus Tech, liderada polo CiTIUS.
Segundo explica Senén Barro, director científico do CiTiUS, “a Cátedra xurdiu polo convencemento de que só desde unha perspectiva integradora e multidisciplinar, coa ambición de construír un proxecto a longo prazo, pódese crear unha contorna de xeración de novo coñecemento e desenvolvemento tecnolóxico que termine na súa translación á práctica clínica”.
O obxectivo, engadiu, é situar a Galicia na vangarda da Intelixencia Artificial neste terreo, a través do liderado do CiTIUS e a USC, a tecnolóxica Plexus Tech, e todo o ecosistema galego implicado.
A proposta inclúe doce dos currículos máis importantes do panorama científico non só a nivel galego, senón estatal, incluíndo perfís con premios de gran prestixio internacional.
A un nivel máis específico, a Cátedra terá unha duración inicial de catro anos e ao longo dese período traballará na creación dun instrumento que, a través da IA, teña capacidade para cruzar os datos necesarios que contribúan a crear novo coñecemento e mellorar de “xeito significativo” o proceso de toma de decisións do persoal implicado nunha sorte de “intelixencia aumentada”, segundo apunta Senén Barro, que explica que “ademais da investigación, a divulgación, docencia e innovación serán obxectivos igualmente relevantes no quefacer desta cátedra”.
Excelente nova
“É unha excelente noticia para Galicia, un novo recoñecemento á investigación en Intelixencia Artificial desenvolvida na nosa comunidade e, neste caso, tamén para o noso ecosistema de saúde»” Con estas palabras reaccionaba Senén Barro, director científico do CiTIUS, á nova da resolución ministerial que avala a nova Cátedra de Intelixencia Artificial en Medicina Personalizada de Precisión; unha proposta elaborada pola Universidade de Santiago de Compostela (USC) a través do CiTIUS, en colaboración coa empresa tecnolóxica compostelá Plexus Tech. A iniciativa convértese así na única en España nesta temática que consegue un importante apoio do Gobierno central. A cátedra contará cun financiamento de 1.200.000€ durante catro anos: os tres primeiros a través de unha achega da Secretaría de Estado de Dixitalización e Intelixencia Artificial, dependente do Ministerio de Asuntos Económicos e Transformación Dixital, con 900.000 euros, e o último, cunha achega de 300.000 euros, por parte da empresa Plexus Tech.

Senén Barro na entrada do CiTIUS fotografado por Andrés Ruíz

O propio Senén Barro, director da Cátedra, reflexionaba deste xeito sobre as razóns esenciais da súa creación: “A Medicina Personalizada de Precisión» (MPP) xorde da ambición de optimizar a calidade da atención sanitaria mediante a individualización do proceso asistencial, de acordo coas condicións únicas que caracterizan a cada paciente. Existe un consenso xeneralizado sobre o feito de que a Intelixencia Artificial» (IA) está chamada a revolucionar a Medicina Personalizada de Precisión e, por extensión, o desenvolvemento mesmo da medicina do futuro”.
Con esta premisa nacía a iniciativa promovida polo CITIUS, que en marzo de 2023 concorreu á convocatoria lanzada pola Secretaría de Estado de Dixitalización e Intelixencia artificial para financiar Cátedras universitarias dedicadas á investigación, divulgación, docencia e innovación sobre Intelixencia artificial (IA), e cuxo desenvolvemento se enmarca na Estratexia Nacional de Intelixencia artificial (ENIA) e na axenda España Dixital 2026, así como no Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia.
Entre os principais obxectivos que abordará nos seus primeiros catro anos de vida, a Cátedra centrará os seus esforzos en reforzar a investigación en IA que realiza o CiTIUS, incentivando aquelas liñas de investigación con maior potencial en proxectos de Medicina Personalizada de Precisión. O obxectivo é “situar a Galicia na vangarda da Intelixencia Artificial neste terreo”.
Segundo explican fontes do CiTIUS, as posibilidades que ofrece a aplicación da IA neste eido abranguen múltiples ámbitos, como o descubrimento de fármacos, a identificación de biomarcadores, a caracterización de subpoblacións, a estimación e inferencia causal de efectos ao tratamento, a comunicación, ou o intercambio de coñecemento, entre outros. Á súa vez, estas novas posibilidades expoñen novos retos na integración de datos multimodais, como a seguridade, a privacidade, a escalabilidade, a eficiencia, a reproducibilidade, a transparencia ou a confiabilidade. “Por iso esta Cátedra dá tanta importancia aos datos, á computación de alto rendemento e as tecnoloxías intelixentes”, sinala Senén Barro, engadindo que a finalidade “é a saúde e a calidade de vida das persoas, pero no medio están as máquinas e as tecnoloxías intelixentes”.
A proposta recoñecida polo Goberno inclúe unha lista de doce currículos brillantes, perfís investigadores de recoñecida traxectoria que actúan como garantes da actividade da Cátedra. Entre eles, cómpre destacar a participación dos directores de cinco dos centros de investigación de referencia en Galicia e España: a directora científica do Instituto de Investigación Sanitaria de Santiago de Compostela (IDIS), María Luz Couce; Rosa María Crujeiras, directora do Centro de Investigación e Tecnoloxía Matemática de Galicia (CITMAga); a directora do CiMUS, Mabel Loza, o director do Centro Nacional de Xenotipado -ISCIII, Ángel Carracedo, e Senén Barro, director do Centro Singular de Investigación en Tecnoloxías Intelixentes (CiTIUS). Completan a lista de garantes figuras sobresalientes nos seus eidos de investigación, como Wenceslao González, Premio Nacional de Estatística 2021; María José Alonso, Premio Nacional de Investigación Juan da Cerva 2021 na área de Transferencia de Tecnoloxía; ou José Ramón González Juanatey, Xefe do Servizo de Cardioloxía e UCC do Hospital Clínico Universitario de Santiago de Compostela e, entre outros, Premio Ciril Rozman, Premio Best in Class, Premio da Fundación Avedis Donabedian e Premio Medico Español do Ano.
Polo que respecta á vertente socioeconómica desta cátedra universidade-empresa, a achega empresarial contará co liderado da compañía tecnolóxica Plexus Tech, que desde o ano 2000 vén desenvolvendo proxectos en tódolos ámbitos tecnolóxicos a medida que estes ían medrando, e conta xa con máis de tres mil profesionais altamente cualificados, moitos dos cales atópanse desenvolvendo proxectos europeos xa premiados dentro do marco H2020.
Cómpre destacar tamén a participación do CESGA, segundo centro de supercomputación máis potente do Estado, así como a dun número de axentes públicos e privados que conforman un dos ecosistemas en saúde, biociencia e biotecnoloxía máis importantes de España. Entre eles, o propio Servizo Galego de Saúde (SERGAS), que avalou desde o principio a proposta sinalando que “as fortalezas da Universidade de Santiago de Compostela neste ámbito fana merecedora deste apoio á súa candidatura”. O conselleiro de Sanidade da Xunta de Galicia, Julio García Comesaña, sinalaba as capacidades de Campus Vida, como “principal ámbito de investigación, formación e clínico de Galicia e un dos máis importantes de España en Ciencias da Vida”, destacando así mesmo “a singularidade de contar tamén cun dos principais centros de investigación do ámbito estatal en Intelixencia Artificial, o CiTIUS”.

PUBLICIDADE