A Deputación de Ourense aplica un sistema dixital para xestionar os 1.850 quilómetros de estradas provinciais

venres, 15 de marzo do 2024 S. P.

A Deputación de Ourense estreou un novo sistema dixital para xestionar e obter información detallada das características ou incidencias que se rexistran nos 1.850 quilómetros de estradas provincias. Segundo explicou a institución, este novo programa de información xeográfica baséase en imaxes dixitais de 360 graos, grazas ás cales o persoal da Área de Infraestruturas da Deputación pode recompilar en calquera momento todo tipo de características dunha estrada, como radios de curvatura, rasantes, peraltes, plataformas ou distancias de visibilidade.
Ademais, brinda a posibilidade de coñecer polo miúdo a contorna da propia estrada, como as condicións orográficas, desmontes, terrapléns, muros, cunetas, zonas de poda e tala, obras de fábrica, drenaxes, cruzamentos, enlaces ou travesías. O sistema tamén é quen de dar datos concretos sobre os equipamentos que se atopan en cada punto da vía, entre eles a sinalización vertical e horizontal, elementos de contención, balizas, redutores de velocidade e bandas transversais de alerta que producen sons e vibracións para advertir ao condutor que reduza a velocidade.
Os tramos urbanos das estradas provinciais, así como unha completa identificación do dominio público viario, zonas de protección e liñas de límite para as edificacións tamén están perfectamente rexistradas no programa.
“Toda esta información”, informa a Deputación, “proporciona un coñecemento exacto das características xeométricas, funcionais e estruturais das estradas, ofrecendo así datos de xeito claro, rápido e obxectivo para a súa análise e toma de decisións, optimizando a explotación da rede provincial”.

PUBLICIDADE