A UCGAL lanza críticas contra Orange por subir sen xustificación as tarifas de Love

mércores, 11 de xaneiro do 2017 Fernando Sarasketa

A Unión de Consumidores de Galicia (UCGAL) vén de emitir un comunicado no que pon de manifesto o que podería ser un novo caso de abuso das operadoras de telecomunicacións con presenza no mercado estatal. Desta volta trátase da compañía Orange, que vén de provocar un fondo malestar entre os membros de UCGAL e boa parte dos consumidores polo que consideran unha “súpeta suba de prezos sen xustificación algunha” ao abeiro do produto Love da operadora. A dita suba, por certo, podería roldar unha porcentaxe de case o 5,5%. Produciríase, ademais, só dous meses despois do seu lanzamento. Segundo lembran de maneira conxunta UCGAL, Asociación de Internautas e ADECES, “o recente incremento de prezos de entre 2 e 5 euros ao mes, anunciado por Orange para un produto acadado de lanzar é un movemento que pon en cuestión o respecto que o operador ten polos seus clientes ou potenciais clientes”.
Asemade, explican, resulta difícil atopar unha explicación satisfactoria a esta decisión da operadora, nin tampouco resulta críbel que se pretenda xustificar a medida co incremento de datos, xa que é unha contraprestación que puidese incluír Love dende o seu lanzamento. Segundo lembra a entidade galega, non había nada “dous meses antes que tecnicamente impedise o incremento de datos incorporado ao produto en cuestión”. Ou sexa, non existían atrancos que non deixaran ofrecelos dende o comezo.
A UCGAL, a respecto de todo isto, lembra aos usuarios o seu dereito a rescindir o contrato sen penalización. A entidade tamén recorda que “estes cambios unilaterais de prezos e prestacións non solicitadas, máis aínda cando non hai causas obxectivas que os avalen e cando se sustentan sobre redes non abertas, deberían formar parte do xeito de entender a competencia e ser examinadas pola Comisión Nacional dos Mercados e a Competencia (CNMC), porque en última instancia os dereitos dos usuarios e a súa salvagarda forman parte dun modo de competir leal”. A UCGAL tamén fai fincapé no noso dereito a non volver vivir “episodios de pseudocompetencia, ao estilo do que acontecía nos primeiros anos da liberalización nos que todo era o mesmo”.
As tres devanditas organizacións estudan denunciar ó operador ante as autoridades de competencia.

PUBLICIDADE