A Tecnópole ábrelle as súas portas a estudantes da ESO de Ourense

xoves, 18 de decembro do 2008 Raquel Noya

O Parque Tecnolóxico de Galicia, Tecnópole, abriulle onte as súas portas a medio cento de estudantes de 2º e 3º da ESO do Instituto Ferro Couselo de Ourense, que tiveron ocasión de coñecer, de primeira man, a experiencia do emprendemento desta innovadora organización.
María Estévez, a directora de I+D dunha das empresas que operan neste viveiro, Bioquorum, foi a encargada de expoñerlles aos e ás alumnas os principais pasos que se deben seguir para emprender un proxecto cunha iniciativa innovadora como alicerce.
Con este primeiro encontro, a Tecnópole vén de por en marcha unha iniciativa destinada a promover o espírito emprendedor desde a escola, na liña da Galiciencia, a feira científica de referencia en Galiza organizada a partir de proxectos elaborados por estudantes de ESO e de Bacharelato.
Os responsables desta acción veñen de anunciar que esta visita “se repetirá periodicamente” e que, paseniño, lles irán mostrando aos estudantes galegos a experiencia de emprender un proxecto e de xestionar un viveiro de empresas no Parque Tecnolóxico de Galicia, en Ourense.
Estévez, que ademais de ser a responsable de investigación e desenvolvemento desta pequena empresa biotecnolóxica puxo en marcha varias entidades neste mesmo sector, describiulles a súa traxectoria académica en primeiro lugar para darlles a entender que “a base máis sólida dun emprendedor é a formación”.
A continuación, explicoulles como, nos últimos tres anos, foi quen de constituír cinco empresas, que neste momento desenvolven 72 liñas de investigación coa colaboración doutras 43 empresas e da Universidade, e de conseguir tres premios ao emprendemento.
Asemade, Estévez achegoulles aos e ás estudantes do Instituto Ferro Couselo, o concepto da I+D+i e do seu potencial como oportunidade de negocio, cunha breve explicación sobre as súas fases. Finalmente, os e as escolares interesáronse sobre aspectos concretos da exposición, como os requisitos que, segundo o seu punto de vista, debe cumprir un estudante para acabar sendo un emprendedor.

PUBLICIDADE