A TDT chegará a Santa Comba e arredores antes de que remate o ano

mércores, 17 de decembro do 2008 Raquel Noya

A Secretaría Xeral de Comunicación mailo operador público Retegal non queren deixar de cumprir as súas promesas (sobre todo para evitar ter que roer o carbón negro que lles poden deixar os Reis Magos se non se portan ben estes días) e veñen de reafirmar a súa intención de achegar a televisión dixital terrestre (TDT) a Santa Comba antes de que remate o ano.
Ambos organismos xa anunciaron esta medida (da que demos conta ao detalle en Código Cero), o pasado día 10 de decembro, máis desta volta, os seus responsables aseguran, a través do xornal galego La Voz de Galicia, que a capital xalleira xa foi incluída “dentro dun paquete” que tamén beneficiará a outros concellos como Val do Dubra e Dumbría, entre outros.
A Xunta de Galicia máis Retegal están a levar a cabo, de xeito conxunto, unha campaña divulgativa na que, baixo o lema Imos por diante, lle explican aos veciños como recibir a TDT nas súas vivendas.

PUBLICIDADE