A PlayStation 5 incrementa en 50 euros o seu prezo

xoves, 25 de agosto do 2022 Marcus Fernández

Aínda que tradicionalmente as consolas de videoxogos cando levan uns anos no mercado baixan de prezo e presentan un redeseño máis compacto e de menor consumo, a PlayStation 5 está a ter un comportamento moi irregular, pois a preto de 2 anos do seu lanzamento aínda resulta imposible de atopar nas tendas físicas e agora Sony anuncia algo inédito: unha suba de prezo.
A PlayStation 5 subirá oficialmente de prezo en todos os mercados exceptuando o estadounidense, argumentando a situación de inflación e o cambio de divisas, de xeito que a PlayStation 5 sen lector óptico ten agora un prezo oficial de 449,99 euros e a versión con lector de Blu-ray custa agora 549,99 euros.
Confíase en que este incremento de prezo axude a que mellore a dispoñibilidade de consolas, e queda agora saber se estes novos prezos incentivarán a Sony a permitir a venda de consolas soltas, xa que nos últimos meses resultaba imposible adquirir a consola fóra de lotes con varios accesorios e xogos, o que disparaba enormemente o desembolso a realizar para facerse cunha consola de nova xeración.

PUBLICIDADE