A PS5 por fin pode funcionar a 1.440p

mércores, 7 de setembro do 2022 Marcus Fernández

No mes de xullo a PlayStation 5 iniciou as probas da seguinte versión do seu software de sistema, que entre as súas novidades destacaba por permitir unha funcionalidade que sorprende que non estivese de lanzamento na PS5: a posibilidade de correr xogos a 1.440p (resolución moi popular nos monitores gaming. Tras estas últimas semanas de probas a nova versión do software de sistema de PS5 é oficial, polo que calquera usuario pode instalala e así poder empregar a saída HDMI da consola a 1.440p.
A actualización da PS5 tamén incorpora listaxe de xogos e funcións sociais como a capacidade de enviar solicitudes de Compartir pantalla a outro membro do grupo, ver de xeito doado os perfís de novos amigos e recibir notificacións para poder unirse á partida dun amigo rapidamente dende o chat de grupo.
A aplicación móbil de PlayStation para iOS e Android tamén recibe actualizacións como a posibilidade de iniciar directamente sesións de xogo remoto cando a consola estea en modo de repouso, ou sexa, que fai máis doado xogar a distancia á PS5 dende dispositivos móbiles.

PUBLICIDADE