A Nosa Terra pecha a súa edición dixital

venres, 23 de setembro do 2011 Marcus Fernández

Hai pouco máis dun ano A Nosa Terra botaba o peche como diario en papel, quedando só cunha presenza na Rede moito máis modesta, etapa da cabeceira que vén de chegar á súa fin segundo anuncia o seu director, Alfonso Eiré, quen deu a nova do cesamento da publicación do diario dixital que servía de acubillo a unha cabeceira con 104 anos de historia. Isto é así porque A Nosa Terra deixa de existir como empresa, aínda que non desbotan que o proxecto poida renacer no futuro.
Eiré asegura que as dificultades económicas obrigan a liquidar a empresa Promocións Culturais Galegas, S.A., polo que deixa de haber unha compañía que poida soportar o proxecto xornalístico que nos 104 anos de traxectoria xa caeu 4 veces, o que leva a pensar que en vez da morte de A Nosa Terra estamos ante a súa conxelación.
Non só desaparece o xornal dixital A Nosa Terra, senón tamén a súa editorial (que publicara máis de 1.200 libros), aínda que contan con que o Consorcio Editorial fágase cargo da distribución do seu fondo editorial, retornando aos autores os dereitos de reedición das obras que publicaran con A Nosa Terra.

PUBLICIDADE