A Nintendo cumpre 30 anos

luns, 15 de xullo do 2013 Marcus Fernández

A Nintendo Entertainment System (máis coñecida como NES ou simplemente Nintendo) está hoxe de aniversario, pois o 15 de xullo de 1983 foi cando saíu á venda no Xapón, e aínda que tardaría máis de 3 anos en chegar a Europa, parece lóxico celebrar hoxe estas 3 décadas dun dispositivos que fixo historia, pois pese a comercializarse nun momento no que os videoxogos estaban moi lonxe de ter a aceptación social actual, conseguiu colocarse entre as consolas máis vendidas de todos os tempos (a única consola doméstica de Nintendo que vendeu máis foi a Wii).
Estímase que preto de 62 millóns de unidades da NES chegaron ao mercado, convertendo en iconas da cultura popular o seu mando de xogo cunha cruceta e 2 botóns de disparo, ou incluso o a Zapper (un accesorio con forma de pistola); á vez que introduciu nos fogares grandes éxitos das recreativas como Donkey Kong, Donkey Kong Jr. e Popeye, e conseguindo trunfar con novos éxitos como Super Mario Bros., Duck Hunt, Excitebike e moitos outros.
A Nintendo é posiblemente a consola de puxo os alicerces do sector actual dos videoxogos no ámbito doméstico, destacando pola súa lonxevidade, pois contou con xogos novos ata 1995, pechando un ciclo de vida brillante e pasando o seu relevo á Super Nintendo, consola de 16 bits que supuxo un grande salto adiante na calidade dos xogos, con numerosos xogos de éxito do que aínda estamos a ver remakes nos últimos meses, como claro exemplo da pegada que deixaron as consolas domésticas de Nintendo.

A Zzpper permitía gozar do clásico Duck Hunt na Nintendo (aquí, visto na pasada edición de RetroCoruña)

PUBLICIDADE