A LaconNetwork volverá a Ames este mes

martes, 14 de agosto do 2012 Marcus Fernández

Tras o éxito que tivo o verán pasado a edición da LaconNetwork na Urbanización Aldea Nova (Ames), o vindeiro 31 de agosto ás 14:00 horas vai repetirse a experiencia, de xeito que emprendedores e profesionais do sector TIC galego xuntaranse ao redor de porco ao espeto , que é a elección gastronómica realizada para este peculiar encontro de verán que nesta ocasión contará coa visita de representantes do evento madrileño PrimerViernes, que consiste en presentacións moi breves de proxectos.
Deste xeito, ás 16:00 horas do día 31 botará a andar unha sesión de PrimerViernes que está aberta a participantes galegos e que xa ten un par de proxectos confirmados (a Academia Virtual de Bombeiros e un sistema de detección temperá de enfermidades neurolóxicas), que durante 5 minutos cada un detallarán o problema que resolven, o xeito de facelo, os seus perfís de usuario, o seu modelo de negocio e fitos próximos, para que o resto dos asistentes poidan coñecelos e ofrecer opinións e críticas sobre os mesmos.
Os interesados en participar na vindeira edición da LaconNetwork deberán realizar a inscrición pertinente, sendo tamén recomendable que anoten a súa participación no respectivo evento en Facebook.

O mes pechará cun encontro que mestura as TIC e a gastronomía na urbanización amiense de Aldea Nova

PUBLICIDADE