A LaconNetwork celebrou os seus 5 anos en Compostela

venres, 6 de febreiro do 2015 Marcus Fernández

Os encontros informais de profesionais do sector TIC galego coñecidos como LaconNetwork botaron a andar hai 5 anos, nun tempo no que estaban a emerxer moitas iniciativas para dinamizar os distintos sectores produtivos a través do networking, e aínda que a meirande dos proxectos que xurdiron foron perdendo pulo, a LaconNetwork conseguiu manter a súa periodicidade mensual, da aí que decidisen celebrar o quinto aniversario desta serie de eventos nunha xornada que se desenvolveu no Auditorio de Abanca, en Santiago de Compostela. Para amenizar estas actividades contouse coa presenza do humorista galego Yoni Mediogramo.
O encargado de abrir a xornada foi o presidente de Altia e do Club Deportivo da Coruña, Tino Fernández, que é todo un exemplo de emprendemento e consolidación no sector tecnolóxico galego, o que encaixa bastante ben dentro do espírito destes encontros para os albaneis da nube na busca de sinerxías e o intercambio de coñecemento.


Como iniciar un proxecto non é algo carente de atrancos, continuou a mañá cunha mesa redonda sobre os atrancos e fracasos aos que teñen que facer fronte os emprendedores ao botar a andar os seus proxectos, temática que abordaron Javier Pazos (ReallyLateBooking), Manuel Dafonte Catoira e Manuel Montes.

Para afondar no ecosistema emprendedor, os elementos que poden axudar a dar un pulo ao emprendemento e acelerar o crecemento dos proxectos, xuntáronse nunha mesa redonda distintos axentes que contribúen a tal fin, como son Juan Cividanes (XesGalicia), Ana José Varela (Fundación Barrié), Martí Dalmases (business angel), Francesc Homs Ferret (INEO Corporate) e Ismael Valero Martínez (Lanzadera).

E como un punto de vista diferente do emprendemento, un dos pais da LaconNetwork, Frankie Gómez (ConfirmSign) quixo xuntar no escenario a profesionais que crearon os seus negocios antes da emerxencia do sector TIC. Comentaron así a súa traxectoria emprendedora Francisco Alfonso (Adega Pedralong), Miguel Conde (BAP&Conde) e Bartolomé Pidal (Grupo Nortempo).

Para pechar a parte máis formal desta xornada, o director xeral de iBird, Enrique Sánchez, impartiu un relatorio que precedería ao xantar que é o auténtico núcleo da LaconNetwork, xa que é a desculpa para xuntar a emprendedores galegos do sector tecnolóxico para verse cara a cara e explorar oportunidades conxuntas.

PUBLICIDADE