A I+D como chave do éxito para as empresas, a debate para a semana na Coruña

mércores, 13 de febreiro do 2008 Fernando Sarasketa

A Investigación e o Desenvolvemento é aquilo que lles permite ás empresas ampliar o seu espazo no mercado. Medrar, en definitiva. Pode adoptar moitas faces distintas, e estas non teñen porque ir só ligadas á tecnoloxía. Innovar pode ser algo tan sinxelo cambiarlle o nome a unha empresa. Por exemplo: do castelán ó galego. De innovar é precisamente do que trata un encontro que se vai desenvolver o 21 e o 22 de febreiro no Palacio de Exposicións da Coruña (Palexco).
A xuntanza, chamada “Investigación, Desesnvolvemento e Innovación” enmárcase no programa de cooperación europeo Interreg IIB Sudoe e está organizada pola Autoridade de Xestión dese proxecto, a Universidade da Coruña (UDC), o Ministerio de Economía e a Xunta de Galicia. Podemos ver toda a información relativa a este encontro na web da Fundación Universidade da Coruña, quen tamén participa na organización.
Segundo informa a UDC, o seminario preséntase en sesións plenarias, obradoiros temáticos e un espazo de intercambio. Nas sesións plenarias abordaranse cuestións como a I+D+i no ámbito da Unión Europea, a cooperación transnacional e as accións levadas a cabo ao abeiro do programa SUDOE. Nos obradoiros darase unha perspectiva sobre os principais temas da investigación do proxecto europeo como o desenvolvemento tecnolóxico, as redes de transferencia de innovación ou a capacidade de competitiva. Por último, o espazo de intercambio está pensado para a toma de contacto entre promotores de proxecto e socios potenciais.

PUBLICIDADE