A ETSE de Telecomunicación acolle este xoves unha xornada sobre o potencial innovador das TIC

martes, 25 de xaneiro do 2011 Fernando Sarasketa

Logo do parón informativo polo cambio de ano, comeza de novo a animarse o panorama de actividades divulgativas arredor das novas tecnoloxías da información, accións tan importantes –en definitiva- como a propia achega de tecnoloxía (posto que todo cambio precisa dun asesoramento). Leas aparte, a actividade desta índole que máis preto temos á vista é a xornada As Novas Tecnoloxías como elemento de innovación, que se celebra este xoves 27 de xaneiro a partir das 18.30 horas no salón de actos da Escola Técnica Superior de Enxeñaría de Telecomunicación de Vigo. O evento vén da man da Asociación iOP (Innovación e Optimización), en colaboración co Máster en Innovación Industrial e Optimización de Procesos da Universidade de Vigo.
A xornada, como o seu nome indica, xirará arredor do potencial das novas ferramentas para a mellora de todo tipo de procesos nas empresas, dende os máis industriais até os relacionados coa comunicación, a xestión dos datos, as vendas e a distribución. Máis polo miúdo, trataranse temas como por exemplo o pulo á produtividade a tódolos niveis, a compatibilidade das ferramentas TIC coa filosofía Lean Manufacturing ou a aplicación das novas tecnoloxías nas administracións públicas.
O desenvolvemento do acto comezará cos tres relatorios seguintes:
· Aplicación de TICs para a mellora da competitividade en contornas industriais Iago Rodicio - Director Comercial de ASM Soft.
· Lean & TICs Antonio Sartal - Responsable de I+D+i en Jealsa Rianxeira.
· A aparición da administración electrónica e o seu reflexo na vida cotiá. Iván Franco - Coordinador de proxectos do sector público en Imatia
Para rematar a xornada, informan os organizadores da mesma, realizarase tras os devanditos relatorios un coloquio sobre os temas tratados, aberto á participación desde as redes sociais para conformar a listaxe de temas e/ou preguntas que se cubrirán no coloquio. Así, a Asociación iOP (Innovación e Optimización) abriu debates a través das súas contas de Twitter e Facebook; e do grupo de Linkedin Rede de Innovación e Optimización de Procesos.

PUBLICIDADE