A EGAP desenvolve unha plataforma multimedia para os seus cursos a distancia

martes, 17 de marzo do 2009 Raquel Noya

Logo de sorprendernos co desenvolvemento dun videoxogo que favorece a boa práctica da nova Lei de Contratos do persoal da Xunta, a Escola Galega de Administración Pública (EGAP), en colaboración coa Dirección Xeral de Calidade e Avaliación das Políticas Públicas, volve a facer uso das novas tecnoloxías para favorecer a formación dos seus usuarios, poñendo en marcha, desta volta, unha experiencia pioneira de formación telepresencial en tecnoloxías da información, ofimática e idiomas.
Esta iniciativa, que se recolle na edición do Diario Oficial de Galicia (DOG) de onte, oferta unha serie de cursos destinados a empregados públicos con destino na Administración local de Galicia, que se atopen en situación de servizo activo, incapacidade temporal por maternidade ou excedencia polo coidado dun fillo ou dun familiar e que reúnan os requisitos establecidos en cada unha das convocatorias.
A plataforma empregada para impartir estas actividades desenvolveuse utilizando a tecnoloxías multimedia (integrando imaxe, voz e datos) para ofrecerlle ao alumnado todas as vantaxes da formación presencial pero aproveitando os aspectos máis positivos da educación a distancia.
Neste senso, a plataforma ofrece dúas modalidades de traballo, en directo e en diferido, e tres temáticas distintas: inglés, ofimática e tecnoloxía.
As actividades en directo consisten nunha serie de cursos de formación telepresencial a través dunha canle interactiva de formación tecnolóxica que ofrece as clases en tempo real a través da Internet.
Esta modalidade ofrece comunicación en tempo real entre todos os participantes e o instrutor, polo que se poderá interactuar e compartir programas e ficheiros a través de distintas vías como o chat, a barra de ferramentas de escritura, a webcam…
As actividades en diferido, ao igual que ocorre coas que son en directo, emítense nuns días e horas concretas, e a través delas, o alumno poderá visualizar as gravacións das sesións emitidas anteriormente, incluíndo explicacións do profesor e comentarios dos compañeiros, aínda que non poderá interactuar con eles. De xeito complementario o alumnado interesado poderá inscribirse na videoteca, a través da cal poderá acceder ás gravacións de todas as emisións realizadas, en calquera momento.
Asemade, existen dúas modalidades de seguimento deste curso: con certificado de aproveitamento ou sen el. A EGAP só expedirá certificado a aquelas persoas que soliciten esta modalidade, asistan ao curso un mínimo do 85% das horas establecidas e superen o sistema de avaliación presencial que se determine. No caso de ter solicitado o certificado, o importe da matrícula é de 50 euros.
Os interesados en realizar a inscripción poden solicitar máis información na edición de onte do DOG ou ben directamente na páxina web da Escola. Asemade, a EGAP habilitou unha conta de correo electrónico á que dirixirse para a consulta de calquera cuestión ou dúbida: elearning.egap@xunta.es.
O prazo de presentación das solicitudes rematará o vindeiro 30 de marzo.

PUBLICIDADE