A DosisPedia estrea versión para iPhone

xoves, 19 de febreiro do 2015 Marcus Fernández

En decembro veu a luz a aplicación de Smart GalApps DosisPedia, coa intención de axudar aos sanitarios a prescribir medicamentos aos cativos, conseguindo un grande éxito na súa versión para dispositivos Android, superando as 5.000 descargas (cantidade moi significativa para unha ferramenta tan especializada) e máis dun 90% de usuarios habituais (taxa de uso realmente extraordinaria). E agora, esta aplicación que conseguiu en Google Play un 4,6 sobre 5 de 107 valoracións quere trasladar o seu éxito á App Store, polo que estrea aplicación para iPhone, ampliando así a dispoñibilidade desta práctica ferramenta.
Dende Smart GalApps apuntan que a DosisPedia ten a súa meirande parte de usuarios en España (o 32,94%) pero en América Latina tamén goza de grande aceptación, sorprendendo o caso de México (de onde chegan o 26,77% dos usuarios).
A aplicación móbil é froito do traballo do Equipo de Pediatría do Hospital da Costa de Lugo co financiamento do Ilustre Colexio Oficial de Médicos de Lugo, que nos vindeiros días celebrará unha presentación oficial desta ferramenta tras o aprazamento do evento anteriormente programado por ter coincidido cun forte temporal que afectou a toda Galicia.
Coa DosisPedia os profesionais da medicina poden atender aos cativos dun xeito máis áxil e preciso á hora de prescribirlles fármacos, xa que a ferramenta permite moverse por un completo catálogo de medicamentos e consultar as indicacións en función do peso do pequeno.
Dende Smart GalApps encargáronse do deseño e desenvolvemento desta aplicación móbil, coidando incluso que funcione axeitadamente nos novos iPhone 6 e iPhone 6 Plus.

PUBLICIDADE