A Deputación de Pontevedra prestará o servizo de eAdministración a 61 entidades locais

venres, 8 de marzo do 2024 S. P.

A Deputación de Pontevedra avanzou no novo convenio para a prestación do servizo de Administración Electrónica (eAdministración) a entidades locais da provincia, aprobado o pasado mes de febreiro e dotado con algo máis de 2 millóns de euros. En concreto, tal e como explicou o presidente Luis López, a xunta de goberno vén de aprobar os convenios de colaboración con 51 concellos, 6 entidades locais menores e 4 mancomunidades da provincia para prestar este servizo.
Trátanse dos concellos da Cañiza, A Estrada, A Guarda, A Lama, Agolada, Arbo, As Neves, Barro, Bueu, Caldas de Reis, Cambados, Campo Lameiro, Cangas, Catoira, Cerdedo-Cotobade, Covelo, Crecente, Cuntis, Dozón, Forcarei, Fornelos de Montes, Gondomar, Lalín, Meaño, Meis, Moaña, Mondariz, Mondariz-Balneario, Moraña, Mos, Nigrán, O Grove, O Porriño, O Rosal, Oia, Pazos de Borbén, Poio, Ponte Caldelas, Pontecesures, Portas Redondela, Rodeiro, Salceda de Caselas, Salvaterra de Miño, Sanxenxo, Silleda, Soutomaior, Tomiño, Valga, Vila de Cruces, Vilaboa. Ademais, tamén se aproban os convenios coas entidades locais menores de Arcos da Condesa, Bembrive, Chenlo, Camposancos, Morgadáns e Vilasobroso, e as mancomunidades do Morrazo, O Val Miño, O Salnés, O Baixo Miño.
Por outra banda, o presidente da Deputación Luis López informou que a Xunta de Goberno acaba de dar luz verde tamén ao expediente para contratar o servizo de implantación, formación, soporte e mantemento da solución administrativa electrónica para as entidades locais da provincia, cun orzamento total de 2,07 millóns de euros. Tanto os convenios coas entidades locais como este servizo terán unha duración de tres anos.

PUBLICIDADE