A Deputación de Lugo porá a disposición de PEME e autónomos da provincia 200 ferramentas TIC dirixidas á competitividade

mércores, 5 de xuño do 2013 Redacción

A Deputación de Lugo deu a coñecer este mércores outra iniciativa TIC de seu (que se suma ás moi recentes presentacións do seu Congreso de Cultura Dixital InLugo, de Lugomove e das súas novas vertentes de comunicación coa cidadanía a través do móbil). Desta volta, trátase dunha iniciativa moi encamiñada cara as pequenas e medianas empresas e os autónomos da provincia, ao achegarlles o organismo provincial unha serie de interesantes ferramentas tecnolóxicas para potenciar cadanseu negocio (máis competitividade, máis rendibilidade e máis medre). O presidente da Deputación de Lugo, José Ramón Gómez Besteiro, o deputado de Economía do Coñecemento, Emprendedores e Innovación, Alfredo Llano, e o director de Novas Tecnoloxías e Fondos Europeos do organismo, Pablo Rivera, foron os encargados de presentar esta liña de traballo. A través deste plan, que cualificaron de “pioneiro en Galicia, a Deputación dotará a 150 pequenas e medianas empresas, e autónomos lucenses, de 200 ferramentas tecnolóxicas para que se impulsen no mercado. O proxecto está financiando nun 80% por fondos europeos a través de Innova-TE.
Segundo fixo saber Gómez Besteiro, a iniciativa inclúe tres fases: “Prestaremos asesoramento personalizado e in situ aos empresarios sobre as aplicacións TIC que máis lles conveñen para impulsar a súa actividade ou incluso abrir novas oportunidades de negocio; instalarémoslles esas ferramentas; e darémoslles formación específica para que as saiban utilizar unha vez concluído o programa”. Gómez Besteiro tamén fixo un percorrido polas solucións tecnolóxicas que a Deputación fornecerá ás firmas beneficiarias: a integración da factura electrónica, comercio electrónico, mellora do posicionamento web, publicidade e promoción a través da Rede, banca electrónica, ferramentas de contabilidade e xestión de clientes, ou antivirus.
Besteiro salientou a importancia de contar cun plan coma este para o tecido produtivo da provincia, e máis tendo en conta a suba experimentada nos últimos polo comercio electrónico, un verdadeiro elemento anticrise que, con todo, non se dá afianzado como debera no ámbito lucense. Así, fixo mención dos 13 millóns de persoas en España que mercan arestora por Internet (case 600.000 delas en Galicia) e dos datos achegados pola Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA) que apuntan a que só o 10% das pequenas empresas da provincia de Lugo venden por Internet; só o 24% teñen páxina web; e unicamente o 6% está presente nas redes sociais. “Na Deputación queremos darlle a volta a estas cifras”, dixo, “e que as nosas PEME autónomos aproveiten as grandes posibilidades que as novas tecnoloxías supoñen para potenciar o seu negocio: ser máis competitivas, mellorar a produtividade, reducir custes e xerar emprego”.
O prazo para que os empresarios interesados se anoten no novo proxecto, aberto a todo tipo de sectores, abriuse hoxe. Para formalizaren a súa inscrición, teñen que entrar na web da Deputación onde atoparán un banner que lles dará acceso a toda a información sobre esta iniciativa e ao correspondente formulario de alta. Poderán facelo durante este mes de xuño, para arrancar xa coas primeiras actuacións en xullo “e ter listo todo o programa en decembro”, informouse. O deputado de Economía do Coñecemento animou ás PEME e autónomos lucenses a participar neste proxecto porque “trátase dunha iniciativa a custe cero para eles, e porque recibirán un asesoramento moi próximo, individualizado e continuo; formación especializada e as ferramentas tecnolóxicas que mellor se adapten ao seu modelo de negocio”.
Por certo que no novo plan emprendido a través do Innova-TE hai un segundo bloque, que consistirá na organización de tres xornadas formativas, tamén gratuítas, e abertas a todo tipo de público, “co fin de poñer de relevo a enorme importancia que ten a tecnoloxía na actualidade para o desenvolvemento das empresas”. Celebraranse ao longo do último trimestre do ano, e nelas intervirán tres persoeiros de renome mundial: Eduard Punset, Emilio Duró e Fernando Trias de Bes.

PUBLICIDADE