A Deputación de Lugo achégase aos cidadáns a través do móbil
xoves, 23 de maio do 2013

- José Ramón Gómez Besteiro e Pablo Rivera presentaron a nova aplicación móbil da Deputación de Lugo
A
Deputación de Lugo deu a coñecer onte unha nova aplicación móbil de balde
para permitir que os veciños da provincia poidan notificar dun xeito rápido e
sinxelo calquera incidencia ocorrida en instalacións e vías públicas, tanto de
titularidade do propio organismo lugués como dos 67 concellos da provincia.
A nova ferramenta móbil está xa dispoñible na
App Store e en
Google Play, e tamén facilita a inscrición en actividades e cursos
organizados pola institución provincial e consultar as últimas novas da
entidade e acceder ás redes sociais nas que está presente.
Aínda que algún concello como o de Culleredo xa deu
este paso hai un par de meses, estamos ante a primeira deputación galega en
optar por unha aplicación móbil para achegarse aos seus cidadáns, o que a opinión
do director provincial de Novas Tecnoloxías, Pablo Rivera, supón “un antes e un despois na relación entre os
cidadáns e a administración, e damos un paso máis na senda do goberno aberto: a
nova liña estratéxica sobre a que traballamos na Deputación co obxectivo de
mellorar a calidade democrática; a transparencia na xestión; e establecer unha
relación interactiva cos veciños para ser máis útiles e responder mellor ás
súas necesidades e demandas”.
Cómpre destacar que o rexistro de
incidencias tamén está dispoñible vía web, de xeito que dende o ordenador
ou outros dispositivos para os que non está dispoñible a nova aplicación móbil é
posible comunicarse coa Deputación para dar conta dalgunha incidencia detectada
por parte da cidadanía.

- A nova aplicación está dispoñible para Android e para iOS
